O fiscal solicita desestimar a demanda de Oubiña por danos morais contra ‘Fariña’

Laureano Oubiña esta terza feira, nos Xulgados de Vilagarcía ( Foto: Adrián Irago / Europa Press)

Reclamaba 1,5 millóns de euros por intromisión ilexítima no seu dereito á honra, á intimidade persoal e familiar, e á propia imaxe

O ministerio fiscal solicitou ao titular do Xulgado número 3 de Vilagarcía de Arousa (comarca do Salnés) que desestime a demanda presentada por Laureano Oubiña contra a produtora e as distribuidoras da serie 'Fariña' na que lles reclamaba 1,5 millóns de euros por intromisión ilexítima no seu dereito á honra, á intimidade persoal e familiar, e á propia imaxe.

Segundo expresou o fiscal no xuízo que se desenvolveu esta terza feira, os contidos da serie atópanse ao amparo do "dereito á liberdade de creación", polo que non é posíbel esixirlles "un criterio de veracidade que sería propio da liberdade de información".

O fiscal coincidiu cos avogados do produtora Bambú, de Atresmedia e de Netflix en que "non houbo intromisión ilexítima nin se vulneraron os dereitos" de Laureano Oubiña.

Tamén houbo coincidencia entre a defensa das partes demandadas e o fiscal á hora de subliñar que o demandante "de ningún modo acreditou nin cuantificou ningún tipo de dano nin de  prexuízo". Polo que, alegan, non ten sentido atender a petición de 1,5 millóns de euros que o exnarcotraficante solicita solidariamente aos demandados.

Pola súa parte, o avogado de Laureano Oubiña xustificou que a vida do seu cliente "empeorou considerabelmente tras a emisión da serie Fariña", xa que nela se lle retrata como "unha persoa capaz de quitarlle a vida a outra, violento, machista, traficante de cocaína, impotente, vicioso, infiel, arroutado, mal pai, mal esposo, bruto, necio, vingativo, maltratador de mulleres, ignorante ou mafioso", entre outras acusacións.

Antes da vista, Laureano Oubiña, que se presentou no Xulgado co seu libro 'Desmontando Fariña' debaixo do brazo, declarou sentirse "perfectamente tranquilo". Dúas horas e media despois abandonou as dependencias xudiciais sen querer facer declaracións e desairando de forma ostentosa aos xornalistas.