O fiscal, sobre a súa acusación ao maquinista: "Ese día fixo un uso máis que descoidado do teléfono"

O fiscal, Mario Piñeiro (Foto: Europa Press)

O fiscal Mario Piñeiro explicou que mantén a acusación ao maquinista polos 80 mortos e os 145 feridos que supuxo o accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois (Santiago) en xullo de 2013 xa que "ese día fixo un uso máis que descoidado do teléfono".

Por iso considera que é "unha imprudencia grave, sen a menor dúbida". "Este accidente explícase causalmente ao meu modo de ver polo comportamento do maquinista. Sen o comportamento do maquinista non se explica. Sen esta chamada e sen estas circunstancias da chamada non se explica", expuxo, ante a sala de vistas, que encara a recta final do proceso.

"Puxéronse a falar sen máis, a falar, a falar, a falar... sen sentido", chegou a asegurar, sobre a comunicación entre o maquinista e o interventor, que se interesaban pola chegada á estación de Pontedeume para facilitar a baixada dunha familia de viaxeiros.

Previamente, o representante do Ministerio Público explicou que retirou a acusación contra o ex director de seguridade de Adif porque entende que se confunden "causas" e "consecuencias" ao reflexionar sobre como se podería evitar o sinistro ferroviario.

Despois, tamén, Mario Piñeiro fixo referencia ao mecanismo do 'home morto' para indicar que coincide cun perito de parte de Avogacía do Estado (que unicamente representa a Adif, e non a Renfe) en que "tamén está para saber que o maquinista está atento á condución".

Igualmente referiuse á curva para destacar que "non hai dúbida de que está perfectamente deseñada" e "ten unha marxe de seguridade do 100%", que foi un dos argumentos utilizados precisamente pola Avogacía do Estado (a folgura que permitía tomala a 160 quilómetros por hora, aínda que estaba limitada a 80).