O fiscal superior da Galiza anima as vítimas de abusos sexuais na Igrexa a os denunciaren

Fernando Suances, fiscal superior da Galiza (Foto: Europa Press).
Fernando Suances animou as vítimas de abusos sexuais na Igrexa a denunciar os feitos. Ademais datou para antes do verán a celebración do xuízo polo accidente ferroviario de Angrois.

O fiscal superior da Galiza, Fernando Suances, animou as vítimas de abusos sexuais na Igrexa a denunciar os feitos e asegurou que contarán co apoio do organismo no proceso.

Nunha entrevista, Suances explicou que, a requirimento da Fiscalía Xeral, todos os organismos galegos enviaron datos sobre os procesos actualmente en trámite a este respecto.

A galega remitiu sete denuncias, mais Suances matizou que é o dato final posto que "fican fóra deste estudo" todos os casos onde xa houbo sentenzas condenatorias, "todo o que se tramitou no ámbito relixioso e que non pasase á xurisdición penal", e sobre todo, "unha parte moi relevante relativa ás vítimas que non denunciasen".

O fiscal superior tamén se referiu á deriva xudicial do afundimento do 'Vila de Pitanxo', concretamente ás declaracións de falecemento dos desaparecidos, onde intervén a Fiscalía.

Segundo explicou, para este caso, a declaración xa se pode realizar aos oito días e é vital para todo o que ten a ver con pensións e dereitos sucesorios. Suances asegurou que a Fiscalía de Vigo abriu xa dilixencias nesta materia para axilizar o caso o máximo posíbel. A este respecto, e aínda que non concretou prazos, sinalou que o organismo competente sería un xulgado de primeira instancia de Vigo, "de onde saíu o barco para pescar".

En canto á posíbel apertura dunha investigación polas causas do naufraxio, declarou que, na súa opinión, sería competencia da Audiencia Nacional.

Xuízo polo accidente de Angrois

Noutra orde de cousas, o máximo responsábel da Fiscalía avanzou que o xuízo polo accidente ferroviario de Angrois podería ter lugar antes do verán no Palacio de Congresos de Santiago. Sobre este proceso, Suances tamén confía en que se faga "ben", posto que Galiza conta con experiencia en 'macrocausas' como foi a do Prestige, entre outras.

Por último, o fiscal superior confirmou que se celebrará un acto en marzo para conmemorar o 40º aniversario da Fiscalía da Galiza, ao que asistirá ademais a Fiscal Xeral do Estado. O obxectivo, comentou, será "visibilizar" o funcionamento do organismo, desde o que insisten en "ser peza fundamental na investigación penal"; así como "desenvolver e visibilizar" o traballo das Fiscalías especializadas.