Xustiza

A Fiscalía imputa un delito de homicidio aos tres investigados pola morte dun mozo en Noiteboa na Coruña

Zona na que Yoel Quispe foi acoitelado mortalmente na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
A familia de Yoel Quispe sumouse a esta imputación, aínda que pide máis probas ao entender que os feitos son constitutivos dun delito de asasinato.

A Fiscalía vén de imputar formalmente delito de homicidio aos tres detidos pola morte de Yoel Quispe, o mozo galego, de orixe peruana, que na madrugada do día de Noiteboa foi apuñalado mortalmente na Coruña. Pola súa parte, a familia sumouse a esta imputación aínda que pide máis probas ao entender que os feitos son constitutivos dun delito de asasinato, explicou en declaracións á axencia Europa Press o seu avogado, Adrián Borrajo.

Mentres, as defensas pediron no caso dos dous mozos detidos, pero en liberdade con obriga de comparecencias no xulgado, o sobresemento, mentres que no caso do que se considera autor do apuñalamento mortal e que está en prisión propuxo o letrado dilixencias de investigación.

A imputación formal, dentro das actuacións xudiciais tras os feitos, tivo lugar esta sexta feira no marco dunha comparecencia dos tres investigados, mozos coruñeses de entre 18 e 21 anos. A un considéraselle o autor da puñalada e aos outros dous posíbeis cooperadores necesarios.

"Hoxe imputóuselles a presunta comisión dun delito de homicidio e as súas formas", explicou o letrado da familia en relación á tipificación penal. Con todo, dixo que tanto a Fiscalía como a acusación particular solicitaron "probas testemuñais para aclarar os feitos".

De cara ao escrito definitivo de acusación, a familia e as amizades da vítima entenden que houbo un asasinato. "Hai aleivosía sobrevinda", sentenciou o seu letrado, que rexeitou que houbese unha pelexa de bandas.