A Fiscalía investiga se a Xunta permite que as eólicas fagan os informes ambientais dos seus propios parques

Parque eólico Ourol, operado por Greenalia no concello homónimo. (Foto: Greenalia)
A investigación comezou após unha denuncia do SLG en relación á tramitación dos parques eólicos. Fontes do sindicato explicaron que analizaron "moitas" delas e comprobaron, ao mirar os metadatos, que aparecían "persoas de referencia das empresas que promovían eses parques" en documentos que si estaban asinados polo funcionario público correspondente.

A Fiscalía da Coruña mantén aberta unha investigación para determinar se informes de declaracións de impacto ambiental relativos a parques eólicos na galiza foron elaborados, nalgún caso, por persoas vinculadas ás empresas promotoras dos citados parques.

Así o adiantou elDiario.es e puido confirmar Europa Press. En concreto, fontes do Ministerio Público precisaron que a Fiscalía Provincial da Coruña abriu unhas dilixencias de investigación preprocesal sobre presuntas irregularidades na emisión dos informes favorables de impacto ambiental da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente sobre os proxectos eólicos tramitados en 2023.

Tendo en conta a natureza dos feitos, aos efectos de examinar o seu posible incardinación nos delitos contra o medio ambiente dos artigos 329 e 326 bis do Código Penal, asumiu o caso a Fiscalía Provincial de delitos contra o medio ambiente.

As promotoras dos proxectos cuxa declaración de impacto ambiental cuéstionase na denuncia son Enel Green Power (pertencente a Endesa), Green Capital Power e Greenalia..

A investigación comezou após unha denuncia do Sindicato Labrego Galego (SLG) en relación á tramitación dos parques eólicos, ao redor de 120, e en relación á autoría das declaracións de impacto ambiental realizadas a finais de 2022 e principios de 2023.

Fontes do SLG explicaron que analizaron "moitas" delas e comprobaron, nalgúns casos, ao mirar os metadatos, que aparecían "persoas de referencia das empresas que promovían eses parques" en documentos que si estaban asinados polo funcionario público correspondente.

En concreto, aseguraron que en dous deles comprobaron que aparecían persoas vinculadas coas empresas promotoras dos parques, o de Serra da Piñeira e o de Banzas. "Chegamos a sospeitar que estas avaliacións partisen das propias empresas", indicaron sobre a posible autoría e ao asegurar que non descartaron outros casos e que iso motivou a denuncia.

"Noutros casos, os metadatos fannos sospeitar mais non son tan evidentes", aclararon desde o Sindicato Labrego Galego en contraposición coa postura da Xunta da Galiza que, consultada por Europa Press, asegura que as declaracións de impacto ambiental (DIA) "son elaboradas sempre por técnicos da Xunta ".

"Xa achegamos á Fiscalía as aclaracións que nos pediu e imos seguir colaborando en todo o que nos solicite para deixar claro que se cumpre a lei en todo o procedemento".