Xustiza

Fiscalía pide 18 meses de cárcere para o acusado de agredir sexualmente en directo a unha xornalista galega

O home acusado de agredir sexualmente en directo á xornalista Isa Balado. (Foto: Cuatro)
En concepto de responsabilidade civil, a Fiscalía reclama ao acusado 1.000 euros de indemnización "polos danos morais causados como consecuencia destes feitos".

A Fiscalía de Madrid solicita 18 meses de prisión para un home que tocou o cu a unha xornalista galega, Isa Balado, sen o seu consentimento mentres interviña en directo nun programa de televisión da cadea Cuatro. O representante do Ministerio Público impútalle un delito agresión sexual e pide que se prohiba ao acusado aproximarse á vítima, ao seu domicilio, lugar de traballo ou estudos "e calquera outro que sexa frecuentado por ela" a unha distancia inferior a 500 metros, así como comunicarse con ela por calquera medio de comunicación ou medio informático ou telemático, ou manter con ela contacto escrito, verbal ou visual por un período de dous anos.

O escrito de acusación sinala que sobre as 12.30 horas do 12 de setembro de 2023 a vítima atopábase na rúa Duque de Alba de Madrid, traballando como reporteira para o programa 'En boca de todos' da cadea de televisión Cuatro, xunto ao seu compañeiro e cámara. Nese preciso instante, e, cando estaban a preparar a gravación en directo, achegouse o acusado e saudou a xornalista chocándolle a man, tras o cal comentou: "Vaia cu tes". E abandonou o lugar.

Instantes despois, cando a vítima e o seu compañeiro estaban xa retransmitindo en directo para o programa, o acusado achegouse por detrás "e, con ánimo de satisfacer os seus desexos libidinosos e sen consentimento da señora", estendeu a súa man e tocoulle o glúteo, tras o cal ficou á súa esquerda e díxolle: "De que canle sodes?".

A agredida, "aturdida polo que acaba de suceder", respondeulle: "Un segundo, que estamos en directo", e tentou continuar falando cara á cámara en evidente estado de nerviosismo, polo que desde o programa o presentador preguntou: "Isa, acábache de tocar o cu?". Ao que ela respondeu que si.

Todo iso mentres o acusado permanecía ao seu lado, coa consecuente situación de intimidación que para ela supuña, polo que se dirixiu ao acusado dicindo: "Por moito que queiras tentar preguntarnos de que canle somos, de verdade tesme que tocar o cu? Estou a facer un directo e estou traballando". E o acusado respondeu ante a cámara: "Non che toquei o cu, non che toquei o cu, ou si?".

A xornalista respondeulle que si, e o acusado pediulle "perdón", estendendo a súa man cara a ela. Entón a vítima volveulle dicir: "De verdade, gustaríame que me deixases traballar", e finalmente o acusado tocoulle o cabelo e abandonou o lugar.

Momentos despois, mentres a vítima, "nerviosa polo que acaba de suceder", tentaba seguir co seu traballo colocándose noutro lugar para entrevistar a propietaria dun estabelecemento, achegouse de novo o acusado desculpándose e rindo, provocando finalmente que a xornalista tivese que interromper a gravación en directo que estaba a realizar.

En concepto de responsabilidade civil, a Fiscalía reclama ao acusado 1.000 euros de indemnización "polos danos morais causados como consecuencia destes feitos".