A Fiscalía pide nove anos de prisión para catro veciños de Vilagarcía por tráfico de drogas e outros delitos

Xulgado de Instrución número 2 de Vilagarcía (Foto: Felipe Loroño).
A Fiscalía solicita para tres dos acusados nove anos de cárcere por un delito contra a saúde pública e para outro sete anos e seis meses. Ademais, os catro acusados enfróntanse a unha multa, cada un deles, de máis dun millón de euros.

A Audiencia de Pontevedra vivirá os días 7 e 8 de novembro, o xuízo contra catro veciños de Vilagarcía de Arousa por delitos de tráfico de drogas, pertenza a grupo criminal e tenencia ilícita de armas.

Concretamente, tras as investigacións desenvolvidas pola Garda Civil revelouse a "actividade sostida" dos acusados, durante o 2020, pola que facían provisión e comercialización de substancias estupefacientes.

Para iso, non só se facían coas propias substancias que logo distribuían, senón tamén doutras empregadas como precursores para adulterar e preparar os estupefacientes.

Segundo recolle o escrito da Fiscalía, para realizar esta actividade ilícita os acusados dispoñían dun inmóbel en Vilagarcía de Arousa e un rocho na mesma localidade.

Nove anos de prisión

A Fiscalía solicita para tres dos acusados nove anos de cárcere por un delito contra a saúde pública e para outro sete anos e seis meses. Ademais, os catro acusados enfróntanse a unha multa, cada un deles, de máis dun millón de euros.

En canto ao delito de integración en grupo criminal, para dous dos acusados piden dous anos de prisión e para os outros restantes 18 meses de cárcere.

Ademais, a tres dos acusados impútaselle un delito de tenencia ilícita de armas polo cal Fiscalía solicita, para cada un deles, penas adicionais de dous anos de prisión.