Urdangarín, libre sen fianza, terá que comparecer unha vez ao mes en Xenebra

A Fiscalía pedía 200.000 euros de fianza para el e 100.000 para o tamén condenado Diego Torres.

Urdangarín seguirá libre sen fianza. A única medida que terá que cumprir será presentarse unha vez ao mes nos xulgados de Xenebra, onde reside. Tamén fica en liberdade provisional Diego Torres, a quen se lle retira o pasaporte. 

O Fiscal do Caso Nóos solicitara prisión eludíbel baixo fianza de 200.000 euros para Iñaki Urdangarin. O marido da infanta Cristina terá que pagar esta cantidade para non ingresar no cárcere de forma inmediata. O fiscal tamén pediu prisión eludíbel con fianza para Diego Torres. A Fiscalía baseou a petición en base á gravidade do delito e ao risco de fuga. 

A Avogacía de Balears adheriuse á peticion da fiscalía e a do Estado solicitou medidas reais, como embargo e retención de ingresos para Diego Torres. 

A Audiencia Provincial de Palma impuxo a semana pasada a Cristina Borbón unha multa de 265.000 euros e condenou Iñaki Urdangarín a seis anos e tres meses de prisión. A irmá do chefe do Estado español nen sequera fora acusada pola Fiscalía -que pedía até 19,5 anos para Urdangarín-, senón por Manos Limpias.

A sentenza, adoptada por unanimidade polas súas tres ponentes, condenou Urdangarín pola comisión de múltipes delitos: prevaricación, malversación, fraude, tráfico de influencia e dous delitos contra a Facenda Pública. Impóñenlle unha multa de 512.000 euros.