A 'Flotilla da Liberdade' arriba á Galiza arroupada pola solidariedade galega con Gaza

A 'Flotilla da Liberdade', esta quinta feira, na súa chegada á dársena de Oza, na Coruña. (Foto Comité de Benvida)
Unha concentración e festa de benvida recibe no porto da Coruña o buque 'Handala'.

A 'Flotilla da Liberdade', que navega a bordo do buque Handala con destino a Gaza para levar axuda humanitaria e denunciar “o xenocidio” de Israel en Palestina, chegou na tarde desta quinta feira á dársena de Oza, na Coruña, onde foi recibida con mostras de apoio e solidariedade por unha concentración e festa a cargo do Comité Galego de Benvida á Flotilla da Liberdade. 

"A misión desta Flotilla non é só chegar a Gaza, o que pode que non sexa posíbel como xa pasou noutras ocasións por mor da violencia da Armada e Exército de Israel", explica a Nós Diario Ánxela Gippini, do Comité de Benvida. "A misión tamén é denunciar ao longo da súa travesía e dos portos nos que arriba o xenocidio e a ocupación israelí", acrecenta. 

E tamén hai un terceiro obxectivo para esta 'Flotilla', sinala, o de ir recollendo "as mostras de solidariedade internacional, neste caso, a solidariedade galega, para con Palestina", sinala Gippini. Após partir o 1 de maio desde Oslo e percorrer varios portos de Suecia, Dinamarca, Alemaña, Reino Unido, Irlanda e Francia, o buque chega agora á Galiza, onde permanecerá até partir. Na Galiza isto será o sábado. Desde a organización indican que o único que esta quinta confirmara a súa presenza no barco foi o ex deputado nacionalista no Parlamento galego Bieito Lobeira.

Nestes días, as 17 tripulantes do Handala terán unha completa axenda actos culturais, institucionais e sociais. Comezou esta quinta coa recepción na Coruña por numerosas solidarias coa causa palestina e un concerto coa lectura do manifesto de benvida a cargo do actor e dramaturgo Quico Cadaval

Esta sexta feira a tripulación desprazarase até Compostela, onde serán recibidos no Parlamento galego e nao Concello da capital galega. A seguir, trasladaranse a Oleiros, onte tamén serán recibidos no Concello para, a seguir, asistir a unha gala poética e musical.

O sábado, xa na Coruña, a 'Flotilla' será recibida tanto pola Presidencia da Deputación da Coruña como na Universidade da Coruña. Tamén aquí porá o ramo unha gala artística solidaria organizada por Pallasos en Rebeldía e que dará a despedida á tripulación do Handala, que partirá rumbo a Portugal.

"Queremos trasladar [á 'Flotilla'] unha mensaxe forte de apoio, de afecto, de solidariedade desde a Galiza para que a trasladen ao pobo palestino", subliña Gippini.

A primeira Flotilla da Liberdade saíu rumbo a Gaza no ano 2010.