Os fogares galegos que non poden pagar o custo de ter a casa á temperatura axeitada cuadriplicaron desde 2019

(Foto: Guillem de Balanzó)

Son 22,7% das familias galegas fronte a 6,5% do ano anterior á pandemia.

Case 1 de cada 4 familias galegas non pode facer fronte ao custo de manter a súa casa á temperatura axeitada. Isto acontece en 22,7% dos fogares da Galiza, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, unha porcentaxe por riba da media no Estado (21%).

É, ademais, a porcentaxe máis elevada de familias nesta situación na serie que dispoñibiliza o INE, e que abrangue desde 2004 a 2023. Ese 22,7% dos fogares que non poden manter a vivenda onde viven a unha temperatura axeitada case multiplica por catro os que había no ano anterior á pandemia da Covid, 2019, cando eran 6,5%.

Un estudo do Eixo Atlántico publicado a finais de 2023 revelana que na Galiza e Norte de Portugal por volta de 20% dos habitantes non pode pór a calefacción nos seus fogares.

O Mapa de Cohesión do Sistema Urbano, que estuda as desigualdades existentes nos territorios da Eurrorexión Galiza-Norte de Portugal, sinala que esta porcentaxe increméntase nos fogares vulnerábeis.

En concreto, 43% recoñece que “moitas veces non acenden a calefacción cando a precisan”. Esta cifra contrasta coas das familias non vulnerábeis posto que só 13% delas condiciona o uso da calefacción ao prezo.

Só 5% das persoas que viven no limiar da pobreza perciben unha renda social

Menos do 5% das galegas e galegos que están por baixo do limiar da pobreza percibe unha renda mínima de inserción. É, en concreto, un 4,4%, o que supón o nivel máis baixo desde hai unha década, ademais de situarse tamén por baixo da media estatal. 

A porcentaxe é sensibelmente inferior á media de percepción  de rendas mínimas de insercición no Estado, que se sitúa en 7,9%. De feito, Galiza é das comunidades autónomas cunha cobertura máis baixa neste campo, a anos luz do que acontece noutros territorios, como Nafarroa ou Euskadi, onde a porcentaxe de persoas perceptoras supera o 50%. 

Os datos do informe da Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais referente a 2023 apuntan que na media do Estado, a contía supón o 14% da renda media por fogar, na Galiza fica en 11%, tres puntos menos.