Restos dun foguete chinés descontrolado poderían precipitarse sobre a Galiza esta sexta feira

Lanzamento dun foguete chinés. (Foto: Europa Press)
A traxectoria dos restos do foguete percorre o Estado español.

O foguete chinés CZ-5B, de 20 toneladas, ten baixo aviso os gobernos de medio mundo, despois de que o organismo Eurocontrol informase esta sexta feira da súa reentrada “non controlada” na atmosfera terrestre.

Os expertos sinalan que polo de agora aínda é pronto para determinar cal será o punto exacto no que o dispositivo se estrele, mais si se estabeleceu unha posíbel traxectoria na que están incluídos tanto o Estado español como a Galiza.

Neste sentido, as autoridades españolas activaron Rate Cero para determinadas zonas do espazo aéreo estatal. Mentres non se coñezan máis datos, os aeroportos seguirán abertos, mais aqueles voos a posíbeis destinos afectados polo impacto quedarán paralizados até a anulación do Rate Cero.

Ademais, aqueles voos que teñan no seu itinerario tramos que coincidan coa traxectoria deberán executar unha traxectoria diferente para evitar eventuais risco.

Afectación na Galiza

A posibilidade é mínima, mais os expertos non descartan que restos do foguete desprendidos pola interacción coa atmosfera poidan caer en diferentes puntos da traxectoria, entre eles a Galiza.

No hipotético caso de que o país se vise afectado por esta continxencia, os tres aeroportos galegos -Peinador, Alvedro e Santiago-Rosalía de Castro- veríanse obrigados a fechar mentres existise perigo de impacto dalgún destes restos coas aeronaves.

A esta hora, o mapa do tráfico aéreo mostra como se restrinxiu o paso de avións en Castela e León, A Rioxa, Aragón e Catalunya. Ademais, varios voos no aeroporto de Madrid tamén tiveron que ser anulados polas autoridades aéreas.