Folga indefinida no hospital Povisa de Vigo a partir do 19 de agosto

A decisión ten lugar trala suspensión das negociacións do novo convenio coa empresa, que procura "unha merma inasumíbel das condicións salariais e laborais, e que fará efectivo o convenio provincial mentres non se chegue a un acordo"

O comité de empresa do hospital privado Povisa, de Vigo, dconvoca unha folga indefinida a partir do vindeiro 19 de agosto. A decisión de realizar esta protesta adóptase  trala suspensión das negociacións do novo convenio coa empresa, "que pretende impor unha merma inasumíbel das condicións salariais e laborais, e que fará efectivo o convenio provincial mentres non se chegue a un acordo". 

O acordo entre comité de empresa e a dirección de Povisa foi "imposíbel" nestas semanas, dadas as condicións "draconianas que se pretende impor ás e aos traballadores, afectando gravemente ás retribucións , horarios e conciliación da vida familiar e laboral, que poden acadar até un 40% de rebaixa salarial". 

O ante-proxecto de convenio apresentado pola empresa non partía da articulación actual. Os salarios base diminuirían entre 200 e 400 euros, e quedarían afectados tamén os pluses que até o de agora viña cobrando o persoal do hospital, substituíndoo por un “plus persoal” que podería perderse co fin da vixencia do convenio. 

Suprimiríanse, ademais, os pluses de domingos e festivos de distancia, ademais de liquidar os incentivos. A nova xornada laboral impediría a conciliación laboral e familiar, establecendo unha faixa horaria entre 1475 e 1775 horas anuais, con horarios mínimos de 3,5 horas diarias e máximos de 10 segundo as necesidades das empresa. Os 14 festivos cos que contaban até o de agora (e que se foran pactado como rebaixas horarias) fican reducidos a 4.