A folga dos SAF desconvócase finalmente após 28 días de paro

A folga das traballadoras de SAF desconvocouse esta terza feira (Foto: CIG).
A secretaria nacional de CIG-Servizos lembra que o convenio levaba desde o ano 2012 caducado, que ten ultraactividade e que, polo tanto, e mentres non se negocie un novo, a patronal terá que incrementar os salarios conforme o IPC a inicios de 2023

Após 28 días desde o seu inicio, esta terza feira anunciábase a desconvocatoria da folga dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF) ás portas do Consello Galego de Relacións Laborais.

A decisión adoptábase tras CCOO e UGT declarar, na xuntanza previa convocada neste organismo, que non ratificarían o preacordo porque non se daban as condicións nos concellos. Unha declaración que a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, considera “unha desculpa fronte as traballadoras, non só da CIG, senón todas as do sector”.

Para Fernández a valoración “non pode ser máis positiva”. Entende que o obxectivo da convocatoria, que era rexeitar o preacordo asinado por CCOO e UGT, conseguiuse.

Así como tamén se conseguiu frear a supresión da actualización salarial ano a ano, en función do IPC e que se creara unha dobre escala salarial, que era “unha clara discriminación entre traballadoras”.

"O convenio está morto"

Con todo, Fernández denuncia a actitude da patronal, que cualificou de "vergoñenta" a concentración de traballadoras de SAF que decorría no exterior do edificio que alberga o Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL), mais tamén o seu anuncio de que sen a ratificación de CCOO e UGT “o convenio está morto”.

A secretaria nacional de CIG-Servizos lembra que o convenio levaba desde o ano 2012 caducado, que ten ultraactividade e que, polo tanto, e mentres non se negocie un novo, a patronal terá que incrementar os salarios conforme o IPC a inicios de 2023, ademais de facer efectivos os atrasos xerados este ano.

A partir de agora o obxectivo da CIG é que se "negocie un novo convenio no que realmente se melloren as condicións laborais, salariais e sociais das traballadoras".

“A patronal afirmou que por eles non vai a haber ningún tipo de negociación, o mediador dixo que entendía que todos os conflitos tiñan que ter unha solución e que, senón, estes días haberá que volver negociar, brindándose a convocar unha nova xuntanza para que teñamos outra reunión e intentemos chegar a un acordo”, acrecentou Fernández.