Folga xeral por Palestina: así decorre a xornada de loita na Galiza polo fin do xenocidio

A bandeira de palestina no centro dunha manifestación contra o xenocidio en Gaza o pasado mes de maio en Barcelona. (Foto: Alberto Paredes Europa Press)

A CXT convoca folga xeral na Galiza esta sexta feira para protestar polo "xenocidio contra o pobo palestino"

O chamamento a parar na Galiza e a súa réplica en todo o Estado e responde a unha petición da Federación de Sindicatos palestinos. As organizacións convocantes, a Confederación Xeral do Traballo (CXT) e a Confederación Sindical Solidariedade Obreira, promoven unha folga xeral e unha xornada de loita polo fin do xenocidio e o apartheid contra o pobo palestino.

Este 27 de setembro "vai de defender a vida do pobo palestino e o seu futuro, pero tamén, e sobre todo, de defender un mundo no que non se asasine impunemente nin se valore máis a vida duns que a doutros en función do que teñan. Temos unha oportunidade histórica de iniciar un proceso que poña fin a esta barbarie, de prefigurar outro mundo máis xusto, e quizais sexa a última", alentou o secretario xeral da CXT, Miguel Fadrique.

Máis de 200 organizacións sindicais e sociais apoian a convocatoria de paro en solidariedade co pobo palestino e o fin das relacións diplomáticas e comerciais co Estado de Israel. O recoñecemento de Palestina como Estado por parte do Goberno español require "medidas efectivas" e non só un "acto simbólico", denuncian ao tempo que remarcan "a actitude contemporizadora" do Estado español e da Unión Europea "co criminal Goberno sionista de Israel".

Na Galiza, a CXT fai un chamamento a toda a clase traballadora e á cidadanía a secundar a xornada de folga e a unirse ás mobilizacións convocadas:

  • A Coruña: manifestación con saída do Obelisco ás 20 horas.
  • Compostela: manifestación con saída da praza Roxa ás 12 horas e concentración no Obradoiro ás 19 horas
  • Ferrol: concentración na praza da Vella ás 20 horas.
  • Moaña: concentración diante do Carrefour ás 13 horas.
  • Ourense: manifestación con saída desde praza das Mercedes ás 20 horas.
  • Pontevedra: manifestación con saída do Hospital Provincial ás 20 horas.
  • Redondela: concentración fronte BBVA-Santander na rúa Alfonso XII ás 11 horas.
  • Ribadeo: concentración diante do Concello ás 20 horas.
  • Vilalba: concentración na praza da Constitución ás 11.30 horas.
  • Vigo: concentración no Marco ás 19 horas.

Servizos mínimos

De cara a esta folga, a Xunta da Galiza estabeleceu servizos mínimos do 100% para os PAC de Atención Primaria, UCI e tratamentos oncolóxicos, entre outros.

O paro, que comezou ás 00.00 horas e se vai estender até a medianoite, atinxe a todas as persoas traballadoras de todos os ámbitos sectoriais da Galiza e do resto do Estado español, tanto do sector público como do privado.

Sanidade

Por iso, a Administración autonómica publicou os servizos mínimos no Diario Oficial da Galiza (DOG), entre os que destacan, a nivel sanitario, o 100% para servizos de urxencias e gardas médicas; para quirófanos urxentes, para salas de partos, unidades de reanimación e diálise.

O mesmo ocorre para o persoal dos puntos de atención continuada (PAC) de Atención Primaria. Así mesmo, garántese a atención pediátrica urxente coa presenza dun pediatra por centro.

Transporte

Polo que se refire aos servizos regulares de transporte por estrada, os servizos mínimos deberán situarse ao pé de 57% respecto dos que correspondería prestar en condicións normais, reducíndose a menos de 31% no caso dos servizos públicos regulares de viaxeiros de uso xeral por estrada que non teñen o carácter de servizos integrados.

A folga tamén afecta o transporte ferroviario. Pasaxeiros habituais das liñas regulares comproban desde primeira hora nas estacións da Galiza as cancelacións que Renfe está a comunicar a todas as persoas usuarias.

Para o transporte escolar, deberán manterse como esenciais os servizos de entrada aos centros desde as 7.30 horas até as 10.30 horas, e os de saída desde as 13.30 ás 19.00 horas, nos itinerarios de transporte escolar de estudantes de niveis de educación obrigatoria cuxa lonxitude total sexa superior a catro quilómetros.

En canto aos servizos de transporte público regular de uso especial de usuarios de centros socioasistenciais para a atención diúrna de persoas maiores en situación de dependencia, manteranse como esenciais os servizos de entrada aos centros desde as 8.00 horas até as 11.30 horas, e os de saída desde as 16.30 até as 20.00 horas.

Xustiza

No sector da xustiza, considéranse servizos esenciais necesarios para garantir o servizo público, os servizos de garda de xulgados, fiscalías e Instituto de Medicina Legal. Tamén os xuízos orais na orde penal de causas con preso e as medidas provisionais en materia de familia, de violencia sobre a muller e de liberdade provisoria, entre outras.

A mesma situación aplica a actuacións relativas á violencia de xénero nos xulgados de violencia sobre a muller, sexan ou non exclusivos, e ás actuacións urxentes do Rexistro Civil, tales como a expedición de licenzas de enterro.