Un folleto do Sergas inclúe a ‘marcha atrás’ como anticonceptivo: “eficacia de 73 a 96%”

Folleto do Sergas

O folleto no quen tamén figuran como métodos a lactancia ou a temperatura corporal pode descargarse da propia web do Servizo Galego de Saúde.

‘O método anticonceptivo’ é un folleto editado polo Sergas e a Xunta de Galiza no que se explican e divulgan diferentes métodos e medidas para non ficar embarazada. Canda dispositivos intrauterinos (DIU, Espiral) ou métodos de barreira )preservativos, por exemplo), o Sergas inclúe o que cualifica como ‘métodos baseados no coñecemento da fertilidade’. Aí falan de medidas como a ‘temperatura corporal’ (“Consiste en medir a temperatura corporal e evitar coitos vaxinais dende a menstruación ata 3 días despois da elevación da temperatura”).

 

Entre os métodos citados figura o ‘coito interrompido’ (marcha atrás)’. Afirma que ten unha eficacia de “73 a 96%” e explica que “consiste en retirar o pene da vaxina antes da exaculación, que non debe producirse cerca da vulva. A eficacia anticonceptiva depende de se se emprega correcta e sistematicamente”. Iso si, explica que este método non protexe das enfermidades de transmisión sexual.

 

O folleto xa está a xerar un forte protesto nas redes sociais após que contas como a de @pilaraymara ou @echeoquehai denunciasen os contidos do mesmo: “Sr. @FeijooGalicia eu non sei si o seu Gabinete tomou a decisión de resolver o 'problemiña' demográfico con este panfleto. Isto é unha verdadeira aberración, particularmente para as mulleres...”