Fonda preocupación ante a desaparación de dúas persoas no encoro de Belesar

Mergulladores buscando o home desaparecido no encoro de Belesar dentro do termo municipal do Páramo, na tarde desta terza feira. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Primeiro un pescador no Páramo e despois un bañista en Taboada desapareceron na contorna do encoro.

Os servizos de emerxencias manteñen activos dous operativos de procura por senllas desaparicións na tarde desta terza feira no encoro de Belesar. Primeiro, sobre as 16.30 horas, un pescador de curta idade caeu na auga do río Miño no concello do Páramo (comarca de Sarria). Tres horas despois, sobre as 19.30 horas, ocorría o mesmo cun bañista no club náutico Ponte Mourulle, no municipio de Taboada (comarca de Chantada).

Segundo informan o 112 Galicia e fontes da Garda Civil, o primeiro destes sucesos ocorreu ás 16.30. Sobre esa hora, un home chamaba á central de emerxencias para advertir de que perdera de vista a un amigo mentres pescaban na parroquia de Riascos, no Páramo.

Ao parecer, o desaparecido perdeu a súa cana e, ao tentar recuperala, caeu á auga sen que o seu compañeiro puidese facer nada. Ademais, esta persoa indicaba ao 112 que necesitaba asistencia sanitaria. Con estes datos, a central de emerxencias solicitou a presenza de Urxencias Sanitarias-061, dos bombeiros de Sarria e da Garda Civil.

Os bombeiros acudiron ao lugar e realizaron un rastrexo, primeiro cuns prismáticos e logo un deles vestiuse un neopreno para buscar directamente na auga. Conseguiron localizar a cana de pescar, mais non ao home desaparecido.

Con todo, ante a "falta de medios" para facer procuras de tal complexidade no encoro, segundo sinalan a fontes dos bombeiros, deixaron os labores en mans da Garda Civil que agora coordina o operativo.

Así, o Instituto Armado enviou até Belesar a varios mergulladores do Grupo de Especialistas en Actividades Subacuáticas (GEAS) e drons. Pola súa parte, Urxencias Sanitarias-061, mobilizou un helicóptero medicalizado con base en Ourense que aterrou no lugar e atendeu ao amigo do desaparecido.

Segunda desaparición

Tres horas máis tarde, sobre as 19.30 horas, varios particulares poñíanse en contacto coa central do 112 para alertar de que un bañista saltara á auga desde o pantalán do club náutico de Ponte Mourulle, en Taboada, e viron como se afundía.

Algunhas persoas que estaban alí rastrexaron a zona para tentar dar con el. Mentres, o 112 daba o aviso á Garda Civil, ao GES de Monterroso e a Urxencias Sanitarias-061, que mobilizou o helicóptero medicalizado e unha ambulancia.

Por parte do Instituto Armado, desprazáronse até o lugar dúas patrullas. No club náutico están á espera de que o GES conclúa os seus traballos na desaparición do pescador no Páramo para que o seu persoal se desprace até o seu complexo e iniciar a procura do bañista.