Forcarei acolle unha mostra de artesanía "para parar os eólicos"

Inauguración da mostra na localidade da Mámoa, na parroquia de Castrelo, en Forcarei (Foto: Nós Diario).

A asociación Alarma na Terra de Montes reúne artistas da comarca nunha mostra que, durante dous meses, tentará recadar fondos para loitas contra os eólicos.

O activismo rural segue activo na súa loita contra os proxectos eólicos. É o caso da asociación Alarma na Terra de Montes que, desde esta sexta feira, realiza na localidade da Mámoa, na parroquia de Castrelo (Forcarei), unha mostra solidaria de artesanía e arte coa intención de recadar diñeiro para sufragar os gastos das accións xudiciais que se levan a cabo contra “a invasión eólica”.

A mostra, co nome de Arte Mámoa, conta coa colaboración de numerosos artistas e nela pódense atopar desde artesanía en madeira de Paco Fraga e fotos de Adrián Rey Estraviz até pinturas de Lola Peneira, esculturas de Fran Ameixeiras ou cadros de Liño Rey Bugallo.

O secretario da entidade, Eusebio Rey, explica a Nós Diario que presentaron un recurso de alzada contra o parque eólico das Penizas. “Conta coa declaración de impacto ambiental aprobada e iremos a un contencioso administrativo, queren colocar muíños de 200 metros, algo que eliminará, por exemplo, as fontes”, indica este activista.

Máis de dous anos de loita

A asociación constituíuse hai máis de dous anos e debe o seu nome a unha torre de alarma que se conserva na parroquia da Barciela do municipio. “Empregábase como lugar para dar a voz de alarma diante das agresións que ter a veciñanza”, sinala Rey, “como a que agora temos pola depredación eólica”, engade.

A entidade é moi activa e, como lembra o seu secretario, “participamos na maior parte de manifestacións para defendernos a invasión destes muíños de vento”. Así, estiveron presentes nas mobilizacións de Forcarei, Lugo, A Coruña, Santiago ou Vigo.

“Tamén facemos un labor pedagóxico, informando, algo que deberían facer as institucións”, afirma este activista.