Foro de la Familia e Red Madre propoñen a Gallardón que un embrión compute para familia numerosa

CC SA-NC-BY Batukada Feminista

Os dous grupos ultracatólicos e antiabortistas achegaron ao ministro de Xustiza español un texto articulado entitulado Ley de apoyo a la maternidad e piden que sirva de "complemento" á contrarreforma na norma que regula desde 2010 a interrupción voluntaria do embarazo. 

 

Que o aborto desapareza da carteira de servizos da sanidade pública e que un óvulo fecundado compute como integrante dunha familia numerosa. Son as dúas peticións principais que recolle a Ley de apoyo a la maternidad, un texto articulado asinado polos grupos anti-abortistas Foro de la Familia e Red Madre e enviado ao ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, para que o inclúa como "complemento" na contrarreforma da norma que desde 2010 regula a interrupción voluntaria da gravidez. 

A primeira, que nos do Sergas --na Galiza-- non se practiquen abortos, é unha vella coñecida. A novidade está na segunda petición: que se modifique a lexislación sobre familias numerosas para que os embrións computen e permitan o acceso ás correspondentes axudas.

Segundo explicaron Benigno Blanco (Foro de la Familia) e Carmina García-Valdés (Red Madre), os dous grupos ultrarrelixiosos tencionan que este seu texto se tramite "en paralelo" á contrarreforma que prepara o ministerio de Xustiza e da cal, até o de agora, só se coñecen as filtracións á imprensa pois non hai un texto que se poida consultar e sobre o cal debater. 

Malia todo, o globo-sonda do Goberno español contentou colectivos coma os dous que asinan o devandito texto e ao cal lle adxudican o obxectivo de "crear un marco legal atinado que probe o dereito da muller a ser nai e teña como elementos nucleares a axuda e o recoñecemento do ben social e individual que é a maternidade".