O Foro galego de Inmigración denuncia "problemas de subsistencia" para participantes no 'Retorna' da Xunta

José González, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Xunta da Galiza)
Afirma que no marco deste programa de emprego para favorecer o regreso de galegos e galegas no exterior ao asegurar que en 2023 quedaron "decenas de persoas en situación de desamparo".
 

O Foro Galego de Inmigración remitiu un escrito ao conselleiro de Emprego e Emigración, José González, para pedir melloras no seu programa de emprego para favorecer o regreso de galegos e galegas no exterior, o Retorna Emprego, ao asegurar que en 2023 quedaron "decenas de persoas en situación de desamparo".

Nun comunicado, o foro sinala que, ante o anuncio dunha nova edición deste programa, a Consellaría de Emprego debe corrixir o que cualifican de "graves irregularidades" no desenvolvemento desta iniciativa durante a súa edición de 2023. O Foro considera que o novo programa debe garantir a firma de contratos de traballo indefinido antes de producirse o desprazamento persoal ou familiar á Galiza.

Aliás, reclama que se respecten unhas condicións de vida digna para as persoas e familias que dan o paso a un cambio tan transcendental nas súas vidas e sostén que, en 2023, houbo casos de "graves problemas de subsistencia para persoas incluídas neste programa pola imposibilidade de acceder a unha vivenda e pola finalización dos apoios económicos que contemplaba o mesmo".

Neste sentido, o Foro pide á Xunta da Galiza que garanta o acceso á vivenda e os medios económicos necesarios até que esas persoas e familias poidan desenvolverse de forma independente.

Ademais, lamenta que o Goberno galego "non recoñecese" estas "graves irregularidades" e critica tamén que, para a edición de 2024, non se puxese en contacto coa entidade para acordar os contidos do programa.