O Foro Galego de Inmigración denuncia o "racismo institucional" e pide á Xunta a maior "solidariedade" coas menores migrantes

Dous migrantes en Sanxenxo (O Salnés), chegados á Galiza desde Canarias, o pasado mes de novembro (Foto: Elena Fernández / Europa Press).
A través dun comunicado, esta entidade pide ao Goberno galego un "posicionamento solidario", porque dispón de "recursos suficientes" para facelo "e é un deber como sociedade".

O Foro Galego de Inmigración exixe á Xunta da Galiza que teña a maior "solidariedade" para acoller o "máximo número" de menores migrantes non acompañados na reunión da conferencia sectorial desta cuarta feira.

A través dun comunicado, esta entidade pide ao Goberno galego un "posicionamento solidario", porque dispón de "recursos suficientes" para facelo "e é un deber como sociedade". Así mesmo, o Foro demanda que as Administracións acometan os cambios lexislativos precisos para garantir os dereitos destas persoas.

De igual modo, este colectivo denuncia o "racismo institucional" promovido por "grupos políticos e mesmo por representantes de comunidades autónomas" -sen mencionar cales- por considerar ás persoas migrantes menores "como mera mercadoría".

Desta maneira, o Foro Galego de Inmigración exixe a todas as Administracións "unha resposta baseada no estrito cumprimento" dos seus dereitos e que "se poña freo" á "intolerábel realidade" das miles de persoas que morren anualmente tentando chegar até as costas do territorio do Estado español.

Isto, suxire, faríase a través dunha reforma da lei de Estranxeiría que estabelecese "formas de entrada razoábeis e seguras" para persoas que queiran desenvolver un proxecto de vida no territorio do Estado español.

Rueda cualifica a inmigración de "avalancha"

Esta segunda feira, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aseguraba que a Galiza será "solidaria" na repartición de menores migrantes, mais reclamou ao Goberno estatal que esta solidariedade debe "acompañarse de medidas" que contribúan a frear o que chamou unha "avalancha".