O Foro Galego de Inmigración rexeita a "utilización política das persoas migrantes"

Chegada dun centenar de migrantes refuxiados da guerra de Malí ao albergue do Monte do Gozo, en Santiago de Compostela, a finais de xullo. (Foto: César Arxina / Europa Press)

“Non é certo” que estea a chegar un maior número de persoas en situación irregular que otros anos, afirma o colectivo.

O Foro Galego de Inmigración denunciou esta terza feira a "continuada utilización política" das persoas migrantes que, "lamentabelmente", está a producirse este verán na Galiza, "de forma sorprendente" e pediu pór fin a esta práctica.

Respecto diso, o Foro subliñou que "non existe emerxencia migratoria", xa que o número de persoas migrantes que chegan ás costas é "moi reducido", en comparación co número de estranxeiros que anualmente se estabelecen no Estado español, matizando que a maioría chegan a través dos aeroportos.

Así, incidiron en que "non é certo" que estea a chegar un maior número de persoas en situación irregular que outros anos, e lembrou que as que chegan como turistas tamén acaban en situación irregular.

Por outra banda, apuntaron que as persoas que realizan solicitude de asilo e que entran nos programas oficiais de acollida "son competencia e gasto exclusivo do Goberno estatal", polo que Alcaldías, presidentes autonómicos "como Rueda" ou partidos políticos que cuestionan esas chegadas "unicamente pretenden enredar politicamente utilizando as persoas migrantes".

O Foro Galego de Inmigración remarcou que os menores teñen dereitos específicos "que deben ser respectados" e o seu coidado e atención son competencia das Comunidades Autónomas. Por iso, engadiu "é necesario" o cambio na Lei de Estranxeiría e sinalou que as Comunidades Autonómas poden pedir información e recursos pero "é profundamente insolidario non aceptar esas nenas e nenos".

Segundo incidiron, hai un reducido número de persoas migrantes que queren asentarse na Galiza, e a súa achega económica, social e cultural é "imprescindíbel".

Finalmente, o Foro volveu a exixir que se actúe ante a realidade de miles de persoas que morren cada ano tratando de chegar ao Estado español, que se reforme a Lei de Estranxeiría para estabelecer "formas de entrada razoábeis e seguras", e que se lles permita acceder aos mesmos dereitos que o resto da poboación.