Foz en amor e compañía

Bico Praia, en Foz (A Mariña), cos seus característicos parasois. (Foto: Bico Praia)
O retorno de Bico Praia e da diversión á Mariña.

Din que onde se ten unha amizade hai un tesouro e no caso de Elena López e Cristina Balseiro cúmprese con creces. Estas dúas amigas de Foz (A Mariña) non só comparten intereses e tardes senón que, ao abeiro dunha relación conservada desde a nenez, agromou mesmo un negocio. Así naceu Bico Praia, un estabelecemento no areal de Llas enmarcado pola música e por un ambiente festivo e estival.

Nadas e criadas no municipio costeiro, Llas para elas desde nenas tivo moito significado xa que foi escenario da súa relación ao longo do tempo: dos seus xogos, paseos e conversas. Tamén lugar  de diversión e  a situación de terreos familiares. Polo que, despois de anos desfrutando de bares ao ar libre no período estival, resultou natural que apostaran en 2023 por abrir o seu no terreo do pai de Cristina. Como sinala ela mesma, "foi o afianzamento da nenez e da adolescencia".

Con isto claro, só era necesario pórse mans á obra e ganas non lles faltaban pois sempre foran moi "festivas" e ambas as dúas sabían perfectamente como abrir e levar un local a pé de praia. Así, de 12 a 0 horas ofrecen cócteis, música e diversión en contacto coa natureza no patio dos seus recreos. Visitar Bico Praia supón somerxerse nunha atmosfera de música “acompañante necesaria da vida de toda persoa”, explica Cristina Balseiro. Precisamente, por este motivo, os "tardeos" nesta praia da Mariña soan a indie e tamén a electrónica con ambientación de DJ's como Banana Joe ou Pelolo PM.

Á vez, o estabelecemento non perde a sinxeleza dun local á beira do mar e aposta por cubrir o seu chan coa fina area de Llas para que "a xente poida subir e continuar como se seguise na praia". En consecuencia, a acollida da veciñanza de arredores  foi moi boa tanto con Bico Praia como coas súas propietarias que se senten moi queridas e apoiadas no seu traballo por coñecidos e amizades.  Con todo, resalta Balseiro, falta un factor importante para que esta segunda tempada de diversión despegue: que pare de chover; pois, sen ben opina que "non hai verán sen Bico Praia", non hai "chiringuiteo" posíbel con chuvia.

Bico Praia / Horario: todos os días de 12 a 0 horas / Escalinata da Rapadoira, 56/ Foz (A Mariña) / Tlf. 657 76 58