Máis unha homenaxe a Fraga rexeitada

Veciñ@s de Cambados manifestarán o seu rexeitamento á instalación dunha estatua en homenaxe ao ministro franquista e ex-presidente da Xunta de Galiza Manuel Fraga.

A veciñanza deste concello pontevedrés leva dende maio rexeitando a instalación dunha homenaxe permanente a modo de estatua no Concello de Cambados. Inda que @s organizadores da concentración que terá lugar o vindeiro día 1 de agosto co gallo da Festa do Albariño, din non saber moi ben quen impulsou a idea, orixinariamente foi concibida pola administración local, tal e como publicou un xornal da comarca.

Segundo Óscar Pardo-Planas,un dos convocantes, "o Concello quixo botar balóns fóra cando a noticia saiu na prensa, e dixo que a idea proviña do sector do viño", mais das moitas adegas que se atopan na vila, só unha delas afirmou participar da homenaxe, as demais cooperativas --entre elas as máis grandes-- negárono, asegura Óscar. O custo total da estatua, segundo a administración local, sería duns 18.000€ mais Óscar di que a peza é semellante a unha instalada o pasado ano cuxo custo superaba os 25.000 euros.

"Nós si merecemos unha estatua"

Baixo este lema, veciñ@s desta vila das Rías Baixas, oporanse de maneira pacífica e simbólica á instalación da figura do ministro franquista e ex-presidente da Xunta de Galiza, Manuel Fraga Iribarne, pois como explican no vídeo que promociona o acto non cren que @s represente nin teña méritos para ser homenaxeado."Que se homenaxee a un ministro de Franco e a un asasino da cultura galega, é a gota que colma o vaso" di un dos participantes da manifestación que están a organizar. 

Para amosar o seu rexeitamento a devandita homenaxe, @s convocantes chaman á veciñanza de Cambados a participar dunha performance na que semellen estatuas humanas durante a inauguración da Festa do Albariño --acto ao que tradicionalmente asisten membros da Xunta de Galiza e da corporación municipal--. "Trátase de non quedar quietos ante a falta de consenso e transparencia que ocasiona a actitude do Partido Popular", afirman dende a organización, para o que se manifestarán de xeito "pacífico e até pasivo" contra a homenaxe dun dirixente fascista.