A Fraternidade Internacional do Camiño Francés reúne firmas contra Altri

Peregrinos polo Camiño Francés, ao seu paso por Melide (Foto: Xose García).
Alertan dos efectos da celulosa no patrimonio.

O pasado sábado un comunicado á prensa de Greenfiber (do grupo portugués Altri) asegurando que o seu proxecto da macrocelulosa en Palas de Rei (A Ulloa) non afectaría o Camiño de Santiago e mesmo que estaría a máis de 3 km do Camiño Francés provocou queixas nas redes entre veciñanza e os hostaleiros e esta segunda feira mesmo anunciouse que comezarán unha campaña de recollida de sinaturas contra a instalación da pasteira.

A Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago (FICS) anunciou esta segunda feira unha campaña internacional de sinaturas co obxectivo de "frear" o proxecto de Altri en Palas de Rei. Varias asociacións do Camiño de Santiago, nas que están Camiño Francés Federación e FICS, que mesmo xa presentaron as súas alegacións ao proxecto, logo do comunicado de Greenfiber do pasado sábado minimizando o efecto sobre a ruta xacobea, veñen de "unir forzas" asinando un manifesto conxunto co que queren recadar apoios de peregrinos de todo o mundo a partir desta semana en contra de Altri. 

Segundo explican estes colectivos, o Camiño "non é unha burbulla con faixas de protección de 30 metros, como marca a normativa", un argumento ao que Greenfiber recorre para solventar as críticas a respecto do seu impacto nesta ruta. O FICS explica ademais que "os conceptos modernos de paisaxe e concas visuais sinalados polo Consello de Europa (Convenio Europeo da Paisaxe, Florencia, ratificado polo Estado español en novembro de 2007) son absolutamente ignorados por esta barbarie de proxecto", sentencian estas asociacións.

O Camiño contra a Xunta

Ademais estes colectivos critican “o silencio e a absoluta complicidade” da Administración pública e de numerosas institucións creadas "precisamente para velar polo respecto e a integridade dun patrimonio único, legado por mileiros de seres humanos ao longo da historia". Por iso piden á Xunta da Galiza e ao Estado español que escoiten “as máis de 20.000 alegacións presentadas polas canles administrativas e as máis de 25.000 sinaturas recollidas en distintas iniciativas contra este proxecto pola preocupación do valor ecolóxico ameazado”. Sinalan que “é aterrador” e apuntan directamente aos gobernos como “responsábeis absolutos” da protección deste territorio.

Na zona afectada, as hostaleiras e os hostaleiros que viven do Camiño de Santiago dan moito valor á implicación destes colectivos internacionais, “son independentes e protexen o Camiño", explica Concha Casares. Asegura esta empresaria de Melide que estamos a falar “dun ben inmaterial a protexer”. Ademais da distancia da macrocelulosa co Camiño de Santiago, advirte de que Greenfiber “ten contradicións continuas, o do Camiño é tan grave que mesmo obvian que van usar as vías de entrada, contaminando con ruído, iluminación e polución, ademais da liña de media tensión en Melide que ten que facer Altri e que vai tocar o Camiño”.

Os hostaleiros da zona critican ademais a “mentira continuada, asumida como verdade que se está a facer desde a empresa a modo de publicidade”. Concha Casares destaca o labor que estas asociacións internacionais do Camiño están a facer en contra do proxecto de Altri, teño visto en Melide peregrinos coreanos escaneando o Código QR para saber da macrocelulosa de Altri”.