Fronte común de alcaldías contra o colapso sanitario

Os alcaldes, da esquerda á dereita, de Barro, Vilaboa, Cuntis, Pontevedra, Caldas, Poio, Ponte Caldelas e Bueu, na xuntanza (Foto: Nós Diario).
Os alcaldes de Barro, Vilaboa, Cuntis, Pontevedra, Caldas, Poio, Ponte Caldelas e Bueu reuníronse en Pontevedra para crear unha "fronte común" contra o colapso sanitario.  Na xuntanza denunciaron a falta de persoal médico nos PAC da súa área sanitaria e reclamaron solucións. 

Alcaldes e portavoces municipais de BNG e PSdeG da área sanitaria de Pontevedra escenificaron onte unha fronte común para demandar ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que ofreza unha "resposta" ante o "colapso" dos servizos públicos de sanidade na zona.

Na xuntanza, realizada no Concello de Pontevedra, non participaron os alcaldes de Marín, Campo Lameiro, Moraña, Cerdedo-Cotobade, Soutomaior, A Lama, Portas e Sanxenxo, todos eles gobernados polo PP.

O alcalde Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, foi o promotor do encontro orientado a articular, segundo afirmou,  unha "fronte común" co fin de reclamar as medidas necesarias para "dar unha resposta conxunta e contundente" ante unha situación de "necesidade imperiosa" como é "que o sistema sanitario público atenda con dignidade" á veciñanza desta área.

Os responsábeis locais de Bloque e PSdeG pediron que o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, asista á próxima reunión para tratar a situación sanitaria. "Non estamos aquí para outra cousa que para exixirlle a Administración competente (Xunta) que tome as medidas pertinentes a curto, medio e longo prazo para que a sanidade pública ofreza un servizo acorde aos tempos", manifestou Lores, que incidiu en que a situación "non está a mellorar" unha vez pasada a pandemia e "a xente ten que ser merece".

Falta de persoal nos PAC

Durante este encontro, os participantes acordaron un manifesto que trasladarán ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no que denuncian que “se atopa en risco a saúde das persoas debido a que non hai persoal médico para cubrir os nove Puntos de Atención Continuada (PAC) desta zona”.

Ademais, tamén denuncian que o persoal de enfermaría está sometido a un "estrés sobrehumano" e "todos" os PAC e centros de saúde desta área carecen dun "funcionamento normal" polo que se provoca un "colapso" posterior nas urxencias hospitalarias.

O rexedor de Pontevedra lembrou que non se pon en dúbida o traballo das e dos profesionais sanitarios "que día a día fan un esforzo extremo", mais as mesmas condicións que sofren constantemente “poden provocar unha atención inadecuada”.

Ademais, fixeron un chamamento para participar da manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública o 12 de febreiro en Santiago de Compostela.