Fronte común de plataformas comarcais en defensa do medio ambiente

[Imaxe: Gabriel Tizón]

Plataformas cidadás das comarcas de Santiago, Ordes, Bergantiños e o Deza veñen de unir forzas para lles reclamar ás administracións o cumprimento da obriga de vixilancia medioambiental.

Plataformas cidadás das comarcas de Santiago, Ordes, Bergantiños e o Deza escenificaron na tarde do sábado unha unión para afrontar mellor preparadas problemas colectivos e semellantes que se producen en todas elas. O obxectivo: defender con forza a necesidade de que as Administracións públicas cumpran a súa obriga de vixilancia medioambiental. 

 

Membros da Plataforma Mina Touro-O Pino Non, da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos, da Asociación de Afectadas e Afectados polo vertedoiro de Lesta, da Plataforma de Afectadas e Afectados polo vertedoiro de Santiago de Compostela-Miramontes, da Plataforma pola recuperación do Sar, da Plataforma de Afectadas e Afectados pola destilería de Contimunde, do Colectivos Non Eólicos en Ordes, da Comisión de Seguimento da Minaría e defensa do rural de Mesía-Frades, de Salvemos Catasós e da Plataforma Non máis eólicos Bustelo-Campelo-Monte Toural defenderon durante a presentación do documentario Redes contra as políticas do espolio, de Xosé Bocixa, en Ordes, “a necesidade de que se implique toda a cidadanía na defensa da saúde, da terra, da auga e da vida, fronte á rapiña empresarial contaminante e para que o Goberno da Xunta, presidido por Alberto Núñez Feixoo, deixe de mirar cara a outro lado e cumpra coas súas responsabilidades”.

 

Reivindicacións

 

As plataformas, recolle unha nota de imprensa enviada pola organización da presentación, fixeron un chamamento a “denunciar e protexer o territorio, a tomar as rendas desde os colectivos sociais para presionar os políticos e velar polo presente e polo futuro do noso rural, algo que non están a facer os gobernos”.

 

Reclaman que se protexan os ríos, as terras e o aire “como elementos mínimos para poder vivir con dignidade e que se paralicen os proxectos ameazantes que hai actualmente enriba da mesa nestas comarcas e que supoñen unha seria ameaza”. Así, apelaron a mudar o modelo actual e denunciaron o caso de Sogama, que “só xestiona o 11% do lixo que chega procedente dos concellos de toda Galiza, xa que o 89% restante dos residuos son enterrados no macrovertedoiro da Areosa (Cerceda) sen ningún tipo de selección”.