O fume dos incendios forestais de Portugal tingue o ceo desde Lisboa até Vigo

O ceo, cuberto de fume en Vigo. (Foto Nós Diario)
Cheiro a queimado e todo cuberto de fume, Galiza comeza a sentir os efectos dos incendios incontrolados de Portugal e máis dos propios. Catro fogos aínda sen controlar que suman máis de 300 hectáreas arrasadas.

A presenza de fume no ambiente foi a máis co paso das horas. As persoas máis madrugadoras sentiron primeiro o cheiro a queimado. Axiña, coa claridade do día, máis turbia do habitual, tiveron a imaxe completa.

As redes sociais axiña fixeron sitio a ducias de fotografías que confirman a chegada do fume dos lumes de Portugal á Galiza. A veciñanza do Baixo Miño e de Vigo comparte paisaxes grises, opacas con mensaxes de apoio e solidariedade co país veciño.

O fume percorre as Rías Baixas, segundo deixan ver as fotografías compartidas en X, nomeadamente a ría de Vigo, que fai "irrespirábel" o aire na cidade, onde o sol virou avermellado e menos brillante do que prognosticaban as previsións. 

Cóntanse por ducias as publicacións compartidas, as fotografías e as mensaxes de ánimo á veciñanza e aos colectivos profesionais que desde o pasado domingo tratan de frear o avance das chamas, que xa calcinaron en poucos días case o triplo do terreo arrasado polo fogo o resto do ano.

O sol loce máis apagado na raia, pero non só no sur da Galiza, tamén na contorna da capital lusa onde unha imaxe divulgada por Nahel Belgherze, que se dedica á cobertura de fenómenos meteorolóxicos extremos en todo o mundo, amosan o fume dos fogos da zona Centro entrando na rexión de Lisboa.

As imaxes do satélite Copérnico avanzan un resultado dramático en só catro días: máis de 62.000 hectáreas queimadas, nomeadamente nas rexións do centro e do norte do territorio continental de Portugal.

Catro incendios na Galiza

Os incendios avanzan nas rexións Centro e Norte de Portugal, algúns, durante a madrugada, visíbeis desde a Galiza, onde o lume tamén castiga varias comarcas.

Hai catro incendios de máis de 20 hectáreas aínda sen controlar que suman máis de 300 hectáreas arrasadas. O municipio da Gudiña (Viana) ten dous lumes activos nas parroquias de Pentes –estabilizado– e Barxa –activo–, que queiman 200 e 90 hectáreas, respectivamente.

O último en declararse na comunidade foi o do municipio de Chandrexa de Queixa (Terra deTrives), parroquia de Requeixo, pasadas as 20 horas desta terza feira. Queima máis de 20 hectáreas. Nas tarefas de extinción participan dous avións, 11 brigadas e cinco motobombas, entre outros medios.

Mentres, está estabilizado o incendio do municipio pontevedrés de Cerdedo-Cotobade, na parroquia de Aguasantas, que afecta a unha superficie de 20 hectáreas e no que traballan cinco avións e seis helicópteros.

O fogo de maior superficie queimada é o da parroquia de Pentes, na Gudiña, que arrasa 200 hectáreas, aínda que "evoluciona favorabelmente", segundo a Consellaría do Medio Rural.