Funcionari@s da Xustiza mobilízanse contra a privatización dos rexistros civís

[Imaxe: CIG]

Máis de 200 traballador@s manifestáronse en Vigo para rexeitar os plans de Gallardón de que este servizo pase a mans de notari@s e rexistrador@s da propiedade, tendo a cidadanía que abonar até 30 euros cada vez que solicite un certificado de nacemento, defunción ou para asentar unha crianza.

Traballador@s dos Xulgados galegos están en pé de guerra contra os plans do Goberno español de privatizar o rexistro civil. Esta quinta feira, máis de 200 funcionari@s mobilizáronse en Vigo para rexeitar a reforma que prepara o ministro de Xustiza e que carrexarán un gasto para a cidadanía, que terá que abonar entre 20 e 30 euros por cada certificado que soliciten, documentos que até o de agora eran gratuítos. Houbo mobilizacións tamén noutros puntos do País.

Así as cousas, entre os plans de Alberto Ruiz-Gallardón para (contra)reformar os xulgados está que o rexistro civil pase a mans de notari@s e rexistrador@s da propiedade, obrigando ao pago de certificados como os de nacemento, defunción, nacionalidade ou fes de vida. Aliás, critican que o Goberno español adopte a decisión de privatizalo tras investir 128 millóns de euros na informatización do servizo.

Máis un ataque á Xustiza como servizo público

Após unha denuncia do colectivo Jueces para la Democracia, o departamento que dirixe Gallardón confirmou que está a tecer o anteproxecto de Lei para reformar os rexistros, e alertaron en Jueces para la Democracia que "deixará de ser un servizo público e pasará a depender dos rexistradores da propiedade e dos rexistradores mercantís", fronte á situación actual, cando se financia cos impostos da cidadanía e non existe re-pagamento polos servizos que nel se prestan.

Jueces para la Democracia situou esta nova medida anunciada polo PP na liña das taxas xudiciais, "un ataque á administración de xustiza como servizo público" e vaticinaron que "nun contexto de crecente pobreza e exclusión social" as persoas rematarán por non inscribiren as crianzas ao non poderen pagar os tributos fixados.