Fundacións da Galiza, Catalunya e Euskal Herria analizan a figura de Lenin

Albert Botran, Xoán Carlos Garrido, Rubén Cela e Eneko Compains, esta cuarta feira, en Barcelona. (Foto: Nós Diario)
Estudosos de universidades de todo o mundo debullan as contribucións a contribución de Lenin ao pensamento político do século XX.

Con motivo do primeiro centenario da morte de Lenin, Barcelona acolle entre os días 26 e 28 de xuño o Congreso Internacional Lenin, titulado “100 anos despois de Lenin: autodeterminación, técnica e poder”.

A Facultade de Filosofía da Universitat de Barcelona i Instituto d’Estudis Catalans acolle esta semana o congreso organizado pola Societat Catalana de Filosofía e co apoio do Centre d’Estudis Unitat Popular, a Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas, a Fundación de Investigaciones Marxistas, a Fundació Neus Català, a Iratzar Fundazioa e o Centre de Cultura i Documentació dels PPCC.  

Así, representantes de fundacións da Galiza, Euskal Herria e Catalunya e estudosos procedentes de diferentes puntos do mundo analizan esta semana os escritos de Lenin como autor contemporáneo, para presentar un balance crítico e actualizado da súa figura e obra.

As comunicacións e os simposios aceptados polo Comité Científico foron distribuídos nos tres eixos sobre os que xira o congreso: autodeterminación —entendendo que a explicación de Lenin sobre o dereito á autodeterminación é unha das súas maiores contribucións ao pensamento político do século XX, destacando o seu escrito “O dereito das nacións á autodeterminación” (1914)—, técnica —tanto en referencia ao obxectivo da acción política que implica medios de natureza inevitabelmente técnica como na relación entre esta e a arte— e poder —cuestión central e transversal en toda a obra de Lenin, e por tanto, inseparábel dela—, co obxectivo de cubrir un abano amplo de temáticas relacionadas co pensamento de Lenin, así como cos debates que se derivan, tanto no marco dos Estudos Marxistas como en relación coa historia do pensamento político contemporáneo.

En representación da Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas, participou no congreso Xoán Carlos Garrido, coa palestra titulada “Na Galiza: Leninistas por obra e graza de Castelao”. Garrido compartiu mesa con Rubén Cela, que en “Unha lectura contemporánea do exercicio do dereito á autodeterminación dos pobos desde unha perspectiva leninista” abordou o punto de vista de Lenin a respecto do dereito de autodeterminación. 

Xunto a Garrido e Cela interviron na xornada desta cuarta feira estudosos procedentes de diferentes Estados e países do mundo, entre eles Canadá, Hungría, Italia, Brasil ou Croacia, que analizaron as contribucións de Lenin ao pensamento político do século XX. Destacan na programación do congreso nomes como de Kevin B. Anderson, da Universidade de California, Tamás Krausz, da Universidade ELTE de Budapest, Stefano Petrucciani, da Universidade dos Estudos de Roma, Albert Noguera, da Universitat de València, ou Mónica Clua, da Universidade de Limerick.