Adrián Dios, investigador

"Na fusión de Unión Fenosa, curiosamente, os galegos controlaron a empresa"

O investigador Adrián Dios, merecedor do premio Valentín Paz-Andrade á investigación económica na modalidade de tese doutoral.
O investigador Adrián Dios vén de recibir o premio Valentín Paz-Andrade á investigación económica na modalidade de tese doutoral. O seu traballo analiza a evolución da empresa Unión Fenosa entre 1982, momento da fusión entre Fenosa e Unión Eléctrica Madrileña, e a súa absorción por Gas Natural en 2008. 

—Por que comezar pola fusión entre Fenosa e Unión Eléctrica Madrileña durante os 80?
Case non hai investigacións que falen do nacemento de Unión Fenosa, pero si sobre a evolución da compañía na década dos 30 e dos 40 ou sobre o sector eléctrico na Galiza. Existía un espazo aí. A miña idea inicial era analizar Unión Fenosa, e é inevitábel estudar as causas da absorción de Fenosa por Unión Eléctrica Madrileña. 

—Falamos da empresa eléctrica de maior peso na Galiza. Como afectou esa operación e o traslado da sede social?
A visión que todas podemos pensar é que a nivel empresarial e de desenvolvemento de país a operación en principio é un desastre. Mais en Unión Fenosa dáse un efecto moi curioso: son os galegos quen controlan a empresa. Fenosa, antes da fusión, dependía do Banco Pastor mentres que Unión Eléctrica Madrileña dependía do Banco Urquijo. A comezos dos 80, durante a crise bancaria, o Urquijo colapsa e desaparece e o Pastor, como accionista maioritario, coloca galegos en postos de responsabilidade. Non por selo quere dicir que pensaran no desenvolvemento económico do país, pero si é certo que tomaron algunhas decisións buscando que a empresa siga vinculada a Galiza. Por exemplo a través da creación de filiais para servizos de consultoría na Coruña.

—Na tese aborda a regulación do sector dos 80 impulsada por Felipe González. Que implicou para o mercado e para as consumidoras?
Até entón existía unha regulación empresarial; podemos imaxinar até que punto as empresas tiñan capacidade para definir a política enerxética no franquismo. A reforma dos 80 levouse a cabo nun contexto de debate sobre unha posíbel nacionalización das empresas. Porén, se ben foi intervencionista, deseñouse para que o sector privado sobrevivise a unha forte crise. As medidas non se encamiñaron a unha tarifa máis barata para as consumidoras. 

—A tese ten outro límite temporal: a absorción de Unión Fenosa por Gas Natural en 2008. Que aconteceu coa pegada galega que favorecía o Banco Pastor nese tempo?
Porque aí Unión Fenosa, o meu obxectivo de investigación, desaparece. Tamén o fai esa pegada galega, pois o poder dentro da empresa foi mudando. O Pastor era o accionista de referencia, mais despois entra o Central Hispano hai mudanzas na dirección coas que se perde esa galeguidade. Cando entra o Banco Santander muda tamén  o paradigma, pois a súa acción responde a un interese especulativo, non importaba tanto o futuro da compañía. Tras as miñas investigacións, e ao meu parecer,  entre 2000-2001 Unión Fenosa xa deixa de existir practicamente como tal.  

—Fóra da tese, ten publicado noutros formatos, como un videoblogue que mantiveches en YouTube, sobre os efectos negativos do actual sistema eléctrico.
A día de hoxe, o mecanismo de creación de prezos da electricidade busca favorecer as empresas enerxéticas e non as consumidoras. Desde un punto de vista social isto é catastrófico, porque a tarifa da luz é excesivamente elevada. Nun momento como o actual hai quen ten que escoller entre acender ou non a calefacción, iso é inaceptábel. E, na Galiza, unha tarifa eléctrica máis barata suporía tamén dar pulo ao tecido industrial. Sei que se trata de cuestións relativas ás relacións de poder, mais non comprendo que non sexa a prioridade dun Goberno mudar este sistema. 

—Forma parte dunha cooperativa galega, a Nosa Enerxía, que posibilidades ofrecen estas iniciativas nun mercado de grandes multinacionais?
A viabilidade é toda desde o momento no que se busca empoderar a cidadanía na toma de decisións, tamén no sector enerxético. Que pasa? Que a regulación non está precisamente pensada para o desenvolvemento destas iniciativas. Unha cooperativa de 1.000 persoas dificilmente pode competir coas enerxéticas. 

—Alén da creación de distintas cooperativas, tamén se estudou desde Concellos como o da Coruña a creación dunha empresa enerxética local a semellanza da de Barcelona. Percibe mudanzas?
Hai unha situación algo distinta a de hai dez anos, debido a cambios políticos e na mentalidade social, mais fallan as transformacións estruturais. A evolución do sector eléctrico tende á concentración. Hoxe no Estado operan cinco grandes compañías eléctricas, claramente non existe competencia.