Gadis fomenta a alimentación saudábel e o consumo responsábel entre 28.500 estudantes

O programa desenvolveuse en 479 centros de ensino (Foto: Gadis)

O propósito de Supermercados Gadis é, indica a compañía, impulsar a educación de calidade, os hábitos saudábeis e a vida activa entre as novas xeracións.

Máis de 28.500 estudantes da Galiza e Castela e León participaron no programa Alimentes de Gadis durante o curso que acaba de finalizar. Un novo récord que a compañía valora positivamente xa que, ano tras ano, continúa aumentando o número de escolares cos que se profunda de forma teórica e práctica sobre conceptos como a alimentación saudable, o consumo responsable e a sustentabilidade. Tamén incrementou o total de centros educativos rexistrados no plan: 479 colexios de diferentes localidades da Galiza e Castela e León.

O propósito de Supermercados Gadis é, indica a compañía, impulsar a educación de calidade, os hábitos saudábeis e a vida activa entre as novas xeracións.

Os catro eixos ao redor dos que vira o programa son a alimentación sa, a práctica de exercicio físico, a responsabilidade no consumo e a redución do desperdicio alimentario, obxectivo ao que contribúen os pequenos xestos cotiáns.

Experiencia práctica

O itinerario da plataforma interactiva complétase coa parte práctica, que resulta moi enriquecedora para os estudantes xa que nas visitas aos Supermercados Gadis comproban in situ todas as nocións adquiridas nas aulas.

Con monitores formados en nutrición, percorren as distintas seccións dos puntos de venda, con atención prioritaria ás de produto fresco: peixaría, froitas e verduras, carnicería e lácteos, entre outras. O obxectivo é inculcar a importancia de consumir produtos frescos e de tempada, máis saudables e sostíbeis.

A transversalidade dos contidos é unha das chaves no deseño e desenvolvemento deste programa educativo, que Gadis emprendeu hai máis de 20 anos e que actualiza en cada edición. Todos eles están adaptados ao currículo oficial de Educación Infantil e Primaria de ambas as comunidades autónomas en materias como as Ciencias Naturais e Sociais. Ademais, relaciónase coa Educación Física, ao abordar a relevancia de practicar deporte como un complemento da alimentación sa e de calidade.