O .gal, a piques de chegar aos 4.000 dominios

PuntoGal decide iniciar unha baixa paulatina do prezo para facilitar a expansión entre particulares, empresas, colectivos e institucións.

Estase a piques de chegar aos 4.000 dominios activos que na rede usan o .gal, unha cifra aínda pequena mais que vai medrando paso a paso. “A boa acollida da promoción do Mes de Rosalía realizada en febreiro supuxo un importante incremento de 400 novos dominios rexistrados”, informan desde PuntoGal. Chegar case a eses catro mil dominios permite a esta asociación iniciar de forma paulatina a rebaixa dos custes dos dominios para facilitar a súa expansión entre os particulares, asociacións, empresas e institucións do país.

Na actualidade aínda non é posíbel igualar o prezo dun .gal ao dos rexistros máis populares debido ó tamaño do dominio galego e os custes ós que debe facer fronte cada ano. Sen embargo, a Asociación reitera o compromiso “en axustalos o máximo posible cando as circunstancias así o permitan”.

“Dende que en maio de 2014 se puxera en marcha a primeira páxina, dominio.gal, o crecemento de rexistros é constante. Do mesmo xeito, a taxa de renovacións mantense moi elevada dende o primeiro ano, o que demostra a confianza e a vinculación dos usuarios con .gal”, afirman.