Gráficos

Así evolucionarán os fogares galegos até 2039, cando o país só gañará 3.617 habitantes

Número de fogares en función das persoas que os habitan na Galiza sobre a imaxe dun edificio en construción. [Foto: Agostime / Europa Press | Datos: INE]
A pesar de que a poboación no conxunto do Estado español medrará 11,5%, até superar os 53,7 millóns de habitantes, o número de persoas residindo na Galiza só aumentará por volta de 0,13%.

Galiza gañará só 3.617 habitantes de aquí ao ano 2039, pasando dos 2.693.649 galegos e galegas rexistradas neste 2024 a 2.697.266 dentro de 15 anos, segundo datos dos estudos de Proxección de Poboación e Proxección de Fogares publicados esta segunda feira polo INE, que indican que o fogar medio do país pasará de estar integrado por 2,4 persoas a 2,16.

A pesar de que a poboación no conxunto do Estado español medrará 11,5%, até superar os 53,7 millóns de habitantes, o número de persoas residindo na Galiza só aumentará por volta de 0,13%, unha porcentaxe practicamente imperceptíbel, durante ese mesmo período.

En concreto, aínda que a tendencia dos próximos anos será de descenso de poboación na Galiza, nos últimos anos analizados dos próximos tres lustros o noso país gañará habitantes. Serán as persoas estranxeiras nadas fóra do Estado español as que contribuirán maiormente a este incremento.

Así, o número de estranxeiros e estranxeiras na Galiza pasará de case 300.000 en 2024 a superar as 522.770 en 2039. Isto é, representarán case 19,4% da poboación total, unha de cada cinco persoas, en comparación co 11,1% actual.

Máis fogares, pero máis pequenos

O número de fogares galegos aumentará un 10,5%, até superar os 1,23 millóns. A maioría estarán conformados por unha única persoa, un total de 463.925, o que significa 34,8% máis que no momento actual e un de cada tres dos que haxa en 2039.

 

Pola súa parte, os domicilios con dous habitantes subirán 19,2%, até os 385.522, mentres que os de tres diminuirán 9,2%, con 206.194 no ano 2035; é dicir, uns 20.000 fogares menos con estas características.

Con todo, o maior descenso entre 2024 e 2039 rexistrarano os fogares de catro persoas ou máis, con 182.030, 19,3% menos en 15 anos. Desta maneira, o tamaño medio dos fogares galegos será de 2,16 persoas por vivenda.