Análise

Galicia necesita outra política sanitaria antes de que sexa tarde

Numerosas persoas teñen que esperar días ou semanas para ser atendidas por enfermidades agudas. (Foto: Álex Rozados)
O médico de Familia, presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública e portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública analiza para 'Nós Diario' a política sanitaria.

A situación  da sanidade publica e a Atención Primaria en Galicia é critica. A maior parte da poboación coñece por propia experiencia ou de persoas achegadas as grandes dificultades para acceder ás consultas presenciais nos centros de saúde e PAC ou soporta listas de espera hospitalarias absolutamente inaceptables  que poñen en risco a súa saúde.

Numerosas persoas teñen que esperar días ou semanas para ser atendidas  por enfermidades agudas, atrasan os tratamentos ou o diagnóstico precoz de graves problemas de saúde graves que lles xeran preocupación e sufrimentos innecesarios.  As enfermidades crónicas como diabetes, hipertensión, enfermidades pulmonares ou cardíacas perderon os recoñecementos periódicos necesarios para evitar complicacións ou descompensacións. Nos centros de saúde abandonáronse hai tempo as actividades de promoción, prevención, ou rehabilitación e as intervencións sobre as determinantes da saúde como a alimentación, a falta de exercicio, loita contra o tabaquismo, o abuso do alcol ou os riscos medioambientais.

As persoas maiores internadas en residencias seguen sen ter acceso aos servizos de Atención Primaria das localidades onde viven (a pesar de ser os de saúde mais fráxil como se viu na pandemia da Covid). O persoal en formación en Atención Primaria non traballa en centros ben organizados que lles proporcionen unha formación adecuada e o seu desprestixio social e profesional é cada vez maior.

Entre as causas poderiamos destacar a escaseza de persoal administrativo e de liñas telefónicas que faciliten o contacto co persoal sanitario, a escasa atención presencial, falta de persoal médico como consecuencia dos recortes, a precariedade laboral, a desincentivación ou o desinterese das sociedades médicas, o déficit de persoal de enfermería (somos a comunidade con menor taxa por habitante do Estado) e o seu rol profesional está por baixo do seu nivel de formación e capacitación; nos centros de saúde a apenas hai prazas de psicoloxía, fisioterapia, logopedia, atención temperá ou traballo social, absolutamente necesarios para abordar e tratar problemas que non teñen solución nas consultas medicas.

Non hai coordinación entre os recursos asistenciais hospitalarios, de Atención Primaria, vixilancia epidemiolóxica ou atención á dependencia, polo que a atención integral da que presume o sistema sanitario galego non deixa de ser mais que unha entelequia.

As empresas farmacéuticas e de aparellos tecnolóxicos (moitas veces innecesarios ou perigosos) presionan a Administración sanitaria galega para colocar produtos moitas veces  innecesarios, caros e ás veces perigosos, mentres que crece a privatización na contratación, xestión  dos centros públicos a e derivación de enfermos a hospitais privados mentres están os públicos funcionando a medio gas. A Consellería de Sanidade e o Sergas son incapaces de planificar, administrar ou solucionar todos estes problemas, centrados na privatización e en facer política partidaria, dado que en moitos casos as súas prazas foron asignadas a dedo por motivos de afinidade  política.

Desde a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia e das numerosas organizacións sociais, profesionais, sindicais ou políticas que a integran levamos anos propoñendo solucións factibles e aplicables (se houbese o máis mínimo interese político).

Resulta intolerable que siga aumentado a mortalidade evitable e xeral

Dormen nos seus caixóns as nosas propostas de incrementar o orzamento sanitario público (1.000 euros máis  por habitante ao ano), incrementar o gasto de Atención Primaria ata o 25% do total (este ano subiu tres décimas), destinar os fondos euro recibidos pola Covid a Atención Primaria e non a aparellos caros sofisticados e moitas veces innecesarios en moitos casos pero que proporcionan grandes beneficios a quen os fabrica; incrementar o persoal e reter a quen se forma con condicións de traballo dignas, estables e incentivadas (é necesario prestixiar a AP con campañas de marketing social); facilitar o control social na planificación e funcionamento dos centros sanitarios; incorporar mais persoal administrativos e novos profesionais de todas as categorías aos equipos; favorecer a planificación e a coordinación de todos os recursos que teñen que v coa saúde creando Áreas Sanitarias coa presenza de concellos e organizacións sociais para que todas as políticas e incorporen saúde ás mesmas; controlar á industria farmacéutica para evitar corruptelas e o control do sistema para favorecer os seus intereses, aumentar e mellorar a formación de todo o persoal (non só médicos) en saúde comunitaria  e acabar coas políticas de privatización do sistema.

O noso sistema necesita unha orientación á saúde, unhas planificación orientada aos problemas e necesidades sanitarias; potenciar a Atención Primaria; a  utilización `plena dos centros e recursos hospitalarios públicos, deixar de apoiar á privatización;, loitar contra a corrupción e unha política fiscal que permita (coa aportación dos poderosos)  dispoñer dos recursos sanitarios públicos que Galicia necesita. 

É intolerable que siga aumentado a mortalidade evitable e xeral  mentres se desmantela a Atención Primaria pública e recortan impostos aos máis ricos.