Vivenda

Radiografía do mercado inmobiliario galego: doce pisos turísticos por cada un dispoñíbel para alugar

O prezo do aluguer aumentou na Coruña até 61% na última década, a maior repunta rexistrada nas cidades galegas. (Foto: Yandry Fernández vía Adobe Stock)
A vivenda para arrendar marca mínimos na Galiza mentres o piso turístico avanza imparábel e bate récords.

Menos pisos para alugar que nunca e máis vivendas de uso turístico que nunca. Unha com-binación que se está a dar na Galiza e que, entre outras consecuencias, implica un aumento continuado dos prezos de arrendamento. O prezo da vivenda de aluguer na Galiza subiu 10,7% no primeiro trimestre deste ano en comparación co mesmo período de 2023.

Na Galiza é máis doado lograr unha vivenda de uso turístico que un piso para poder vivir nel de aluguer. Algo que semellaba impensábel non hai tantos anos agora é unha realidade. Con este escenario de fondo reuníronse esta terza feira en Madrid a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, e a ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez.

O mercado residencial na Galiza ten no circuíto de comercialización 2.250 vivendas en alugueiro, segundo datos da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein). A cifra supón que en apenas un ano ‘caeron’ do mercado ao redor de mil vivendas para arrendamento. Ao tempo, o número de persoas rexistradas á espera dunha vivenda de protección non para a de aumentar. A 8 de maio eran 11.619 as persoas anotadas no rexistro oficial da Xunta da Galiza como demandantes dunha vivenda en aluguer. Delas, 2.975 figuraban como demandantes dun inmóbel en arrendamento con opción a compra.

Fronte a estes datos, o aumento constante e semella que sen fin das VUT, as vivendas que se destinan a uso turístico. As cifras do  rexistro da Xunta da Galiza indican que en abril xa estabamos nas 27.000 vi-vendas para uso turístico. 27.000 fronte a 2,250 que hai no circuíto de comercialización de aluguer. A media é de 12 VUT por cada piso para arrendar con fins residenciais.

Esta desproporción ten diversas consecuencias, unha delas, e de efecto inmediato, é a espiral de aumento dos prezos de aluguer. O prezo da vivenda de aluguer na Galiza subiu 10,7% no primeiro trimestre deste ano en comparación co mesmo período de 2023.

Nunha década

O importe medio de arrendamento na Galiza en 2014 era de 364 euros ao mes, un prezo que hoxe sería considerado irrisorio. De feito, e segundo o Observatorio da Vivenda da Galiza, o que se paga hoxe en día de media por un aluguer son 518 euros. Houbo nestes 10 anos un incremento no prezo do arrendamento na Galiza do 40%. O prezo do aluguer desde 2014 aumentou 61% na Coruña, ao pasar dunha media na cidade dos 403 euros mensuais de hai 10 anos aos 651 euros actuais, segundo as es-tatísticas do Observatorio.

En Compostela ese incremento foi de 58% durante estes dez anos —pasouse dunha media mensual de arrendamento de 390 euros a 619 hoxe en día—;  e en Ferrol do 54%, ao se pagar de media na cidade agora 163 euros máis cada mes con respecto a 2014. 

En Lugo, a suba durante esta década foi do 53% (pasouse dunha media de 310 a unha de 475 euros); en Pontevedra, de 49%; na cidade de Vigo o incremento no prezo foi do 48%, men-tres que en Ourense págase agora un 42% máis que hai 10 anos.

En outubro de 2019 había na Galiza 5.400 vivendas de uso turístico (VUT). Na actualidade multiplícase esa cifra por cinco.