Na Galiza, 66% do persoal de enfermaría é temporal

Protesta de enfermeiras eventuais en Silleda, en 2019 (Foto: Eventuais en Loita).
Enfermeiras Eventuais en Loita alerta das consecuencias que terá a alta temporalidade do sector. O colectivo descobriu, a través dunha  enquisa, que o 66% das profesionais non son fixas. O 25 de xuño non estarán dispoñíbeis por acudiren ao concurso-oposición que decorrerá na localidade dezá de Silleda.  

O problema da alta temporalidade nas profesionais de enfermaría que traballan no Sergas podería ter o seu día crítico o 25 de xuño, data en que decorrerá o concurso-oposición do sector na Galiza.

O colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita denunciou meses atrás a situación deste persoal e agora dá a coñecer os datos dunha enquisa propia que alerta de que tres de cada catro unidades de hospitalización terán dificultades para contar esa xornada con enfermeiras por estaren realizando a proba.

A información da entidade apunta que o 66% do persoal de enfermaría das unidades de hospitalización das diferentes áreas sanitarias galegas é temporal. Isto indica un aumento dun 31% desde 2019, case sete de cada dez enfermeiras. O colectivo lembra que a Galiza conta coa segunda peor proporción enfermeira-doente do Estado español. 

Ademais, comparando as cifras publicadas polo Consello de Contas relativos ao ano 2020, a temporalidade increméntase case nun 18%.

“Estes datos situaban os índices de temporalidade nun 48% en Atención Especializada”, aseguran fontes de Enfermeiras Eventuais en Loita a Nós Diario. Engaden que este incremento interanual ten que ver “coas numerosas xubilacións e prexubilacións do persoal de enfermaría desde a pandemia e a cobertura das mesmas mediante contratos temporais”. 

Lonxe da media da UE

A maiores da alta temporalidade, para esta entidade a falta de persoal é tamén preocupante. Sinalan que o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enfermaría de España apuntou a necesidade de que a Galiza conte con 8.351 enfermeiras para chegar á media da UE, “mais a Xunta oferta só 1.556. Isto supón 6.795 menos das precisas”, denuncian. Por este motivo non entenden que o Sergas “consolide a precariedade” e non aproveite “as case 9.900 profesionais que se presentan ao concurso-oposición”. 

A Xunta, pola súa parte, anunciou a través do DOG a incorporación de 69 enfermeiras como funcionarias de carreira a partir de hoxe. En paralelo, tamén deu conta do nomeamento, por concurso de méritos, de tres médicos especialistas de Atención Primaria con destino en Foz (A Mariña), Ponteareas (Condado) e Moaña (Morrazo).

Dobrar quendas

O colectivo, a través da enquisa, tamén denuncia que a situación do 25 de xuño sería máis grave nalgunhas unidades de hospitalización. “Identificamos algunhas nas que todo o persoal asistencial é temporal, polo que non será posíbel a cobertura”, afirman.

A entidade sinala que o Sergas, para evitar deixar unidades sen profesionais, dobrará quendas “con persoal de Atención Primaria e Consultas Externas que traballe ese día”. Por este motivo, afirman que,  no primeiro caso, “aumenta o risco dos coidados pola fatiga das profesionais” e, no segundo, “o risco vén derivado pola falta de competencias".