A Galiza alcanza o cumio das celebracións na terza feira de Entroido
A Galiza vive os días grandes da festa do Entroido. Após un Domingo Gordo protagonizado por cigarróns, peliqueiros, pantallas, folións e outros elementos indispensábeis da tradición galega, o ambiente festivo e alegre continúa a marcar as xornadas nas vilas e nas cidades galegas. Nesta segunda feira decorreron algunhas das celebracións máis tradicionais destes festexos, e na terza feira a gran maioría das rúas encheranse de música e cor coas ruadas.
A baixada da Morena
Laza (comarca de Verín) celebrou hoxe a segunda feira borralleira, coa tradicional farrapada (unha batalla na que a veciñanza pelexa con farrapos manchados de barro como se se tratasen de armas). Pola tarde baixou a Morena, un veciño da vila vestido cunha cabeza postiza de touro feita en madeira e unha manta que simula atacar as mulleres, mentres os seus compañeiros tiran terra con formigas ao público.
Laza remata hoxe o seu Entroido coa saída dos peliqueiros veteranos, a lectura do testamento do burro (crítica do sucedido desde o Entroido do ano anterior), enterro do Entroido e loito dos peliqueiros.
O oso de Salcedo
Na tarde de hoxe, no concello da Pobra do Brollón (Terra de Lemos), saíu do seu agocho o Oso de Salcedo e os seus criados, axudantes que levan "a presa" onda o Oso para que este a enzoufe cunha substancia cheirenta preparada para tan especial ocasión.
Ruadas e desfiles
Fóra do "triángulo máxico" do Entroido galego que forman as celebracións das vilas de Maceda, Xinzo de Limia, Laza e mais Verín, cidades, vilas e aldeas da Galiza verán mañá, na terza feira do Entroido, como as súas rúas se enchen de música, danzas e cores coas xa tradicionais ruadas formadas por charangas, murgas e carrozas.
Enterro dos mecos
O remate do Entroido ten diferentes nomes en función do lugar da Galiza en que unha se atope: enterro da sardiña, enterro do Filipe.
Na cuarta feira de Cinsa decorrerá un festexo cargado de solemnidade na que entroideiros e entroideiras despiden as festividades até o ano próximo. Non obstante, non faltará a sátira e crítica política que caracteriza esta festa.
No final desta celebración destaca a vila de Marín, na península do Morrazo, que fechará as festas Entroido deste 2023 cun enterro da sardiña co que a poboación deste concello aspira a conseguir a distinción Festa de Interese Turístico da Galiza para o seu Carnaval.