Galiza acollerá 470 migrantes procedentes de Canarias

Persoal da Cruz Vermella asistindo 190 migrantes rescatados por unha embarcación de Salvamento Marítimo o pasado xuño na illa canaria de El Hierro. (Foto: Europa Press)
A Xunta di manexar outras cifras "por fontes extraoficiais" e apunta á chegada dunhas 700 persoas.

O Goberno estatal destinará á Galiza durante este verán, e de forma graduada, un grupo de 470 migrantes procedentes das illas Canarias. O propio delegado do Executivo, Pedro Branco, aclarou que esta mesma terza feira informou o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, da derivación destas persoas, ademais de enviarlle unha carta na que se achegaban todos os datos: datas, concellos e días de chegada.

"Non dubido da solidariedade do pobo galego, tampouco da solidariedade da Xunta. O que pasa é que é unha pena que a Xunta estea a enredar, alegando falta de información", censurou o delegado, que insistiu en que "se trata de botarlle unha man á comunidade autónoma de Canarias, unha man que é absolutamente necesaria".

Con todo, Branco matizou que este proceso está baseado en previsións, "previsións que son absolutamente cambiantes, dinámicas". Explicou tamén que todos os custos de traslado, estadía, manutención e asistencia en xeral "corren a cargo do Goberno de España". "Por tanto, non vai supor ningún tipo de custo para a comunidade autónoma", apuntou.

Por último, comunicou que estas persoas, adultas, serán atendidas en diferentes localidades galegas, en albergues e hostais cos que xa se contactou e acordou a acollida a través de entidades humanitarias. Concretramente, a previsión é que cheguen a partir do 25 de xullo a Santiago de Compostela, máis concretamente ao albergue do Monte do Gozo; a Becerreá, a Ourense, a Monforte e mais a Allariz.

54 menores migrantes

A este grupo de persoas adultas hai que engadir as 54 menores migrantes que tamén está previsto que cheguen á Galiza este verán —28 comprometidos de 2023 e 26 acordados na Conferencia Sectorial deste mes—. Canarias enviou esta segunda feira á Xunta de Galicia a primeira listaxe cos nomes e as idades dos primeiros 14 menores, e dentro dun par de semanas volverán enviar outra listaxe cos 14 restantes.

Unha vez realicen ese trámite, teñen que buscar os billetes de avión e informar da chegada. No aeroporto, apunta o departamento galego, esperaraos persoal da Consellaría de Política Social para distribuír cada un "no recurso que mellor se adapte ás súas necesidades, sempre co obxectivo de lograr a mellor inclusión".

Críticas da Xunta porque as cifras "non coinciden"

Pola súa parte, desde San Caetano aseguran manexar outras cifras a respecto da derivación de migrantes e, "por fontes extraoficiais", apuntan á chegada dunhas 700 persoas das que, aseguran, non teñen "ningún tipo de información do Goberno estatal". "Por iso, onte mesmo [por esta terza feira], o presidente Alfonso Rueda chamou ao delegado do Goberno pedíndolle aclaracións e información [...]. Necesitamos saber onde se van aloxar, que tipo de necesidades educativas e sanitarias van necesitar, porque cabe lembrar que a atención social, educativa e sanitaria son competencias propias da comunidade autónoma", declarou a conselleira de Política Social, Fabiola García.

Ante isto, a conselleira pide ao Executivo español "lealdade institucional, coordinación, planificación e que teña informada permanentemente á Xunta". Argumenta que exixe "a mesma lealdade institucional" que mostrou a Administración galega, dixo, a semana pasada na Conferencia Sectorial de Infancia, ao "estar disposta a acoller 26 menores migrantes" este ano.

De feito, a responsábel de Política Social dirixiu esta terza feira unha carta a Pedro Branco na que requiría información máis detallada —data de chegada e medio de transporte, condicións de saúde, idade, tempo estimado de estadía e criterios empregados para a distribución territorial, entre outros asuntos—. Na misiva insistía en que as cifras achegadas polo Goberno estatal e as que manexa a Xunta "non coinciden", polo que reclamaba que se aclarasen.