A alerta máxima pola vaga de calor esténdese ao conxunto da Galiza até a sexta feira

Os termómetros achéganse estes días aos 40 graos centígrados en boa parte do país. (Foto: Nós Diario)
O Goberno galego vén de decretar a medida ante a chegada dunha masa de ar cálida de orixe norteafricana.

Todo o país estará, desde esta segunda feira e até, cando menos, a sexta, en alerta máxima pola vaga de calor. Así o vén de anunciar a Xunta, a través do seu Comité de Plan de Calor, e no marco do Plan de Actuacións fronte aos posíbeis efectos das altas temperaturas sobre a saúde.

A pasada sexta feira xa se decretara o nivel máis elevado de risco (3) nalgúns concellos galegos, mais agora toda a poboación da Galiza estará en alerta máxima debido a que o país ficará estes días baixo os efectos dunha masa de ar moi cálida de orixe norteafricana, segundo avanzou Meteogaliza.

Trátase dunha situación excepcional no país, xa que, alén das altas presións que permanecerán estacionarias ao norte da península Ibérica, afectará unha DANA no Atlántico que fará que a intensidade e mesmo a duración desta chegada de ar cálido sexa superior a outros episodios. Isto fará que as temperaturas sexan moi elevadas durante este período tanto nos valores mínimos como nos máximos.

A situación rematará co achegamento desa DANA á Galiza, previsibelmente durante a fin de semana, xa que nese momento habería inestabilidade e polo tanto nubes, tormentas e entrada de ar atlántico, máis fresco e húmido e que ocasionaría un importante descenso nos termómetros.

Sistema de intervención

O Plan de Calor, operativo desde o 1 de xuño, estabelece as medidas necesarias para reducir os efectos na saúde asociados ás altas temperaturas, os sistemas de previsión, alerta e comunicación a utilizar, e, aliás, define unha sistemática de intervención segundo os niveis de alerta estabelecidos.

Por outro lado, decreta as canles de coordinación interinstitucional entre as unidades competentes nesta materia. Neste plan, precisaron desde o Goberno galego, os medios de comunicación e toda a cidadanía e organismos que constitúen a rede social de apoio existente á poboación máis vulnerábel son "pezas básicas para evitar na maior medida posíbeis danos á poboación".

Os centros sanitarios galegos están "sobre aviso" polo previsíbel aumento de patoloxías asociadas á calor ao longo dos próximos días.