Na Galiza, as aplicacións móbiles tamén loitan contra a violencia machista

Anabel Solla presentando en Tui a aplicación 'Galegas con Recursos', unha guía fronte a violencia machista. (Foto: Nós Diario)
Desde a universalización dos dispositivos de telefonía móbil con acceso a internet e a aparición de aplicacións con multitude de funcións, abríronse máis portas para loitar contra a violencia machista na sociedade. Cada ano xorden novos servizos que permiten ás súas usuarias acceder a información, realizar interaccións ou dar aviso de maneira inmediata de calquera incidente.

Coa proximidade do 25-N as iniciativas contra a violencia machista, tamén nas novas tecnoloxías, multiplícanse. Estes días presentáronse dúas aplicacións móbiles (App), unha en Tui e outra en Ourense, que se suman a outras, como por exemplo a que se creou na Estrada en setembro deste ano, a de Arteixo, cun ano en funcionamento, ou a que abriu a Xunta da Galiza en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática da Galiza (CPEIG) en 2015. 

Información e alerta

Entre as últimas en darse a coñecer está a aplicación que forma parte da iniciativa "Galegas con Recursos", un programa integral de difusión, formación e información de recursos para mulleres que puxo en marcha a Asociación de Mulleres en Igualdade de Tui (AMEI). A primeira parte do programa, na que están traballando agora, consiste nunha App cun directorio de recursos para mulleres vítimas de violencia machista. A idea é centralizar nunha única ferramenta todos os recursos dispoñíbeis na Galiza.

A presidenta de AMEI, Anabel Solla, explica a Nós Diario que a intención “é que se coñezan os recursos e protocolos actuais na Galiza, algo que sabemos moi útil coas mulleres que atendemos na nosa asociación, na mesma palma da man”.

Con esta ferramenta dixital, na que levan varios anos traballando, as vítimas poden contactar coas Administracións “sen ter que ir de organismo en organismo preguntando”. Desde a mesma aplicación, ademais de teléfonos, facilítase a situación exacta a través de Google Maps dos organismos relacionados cos diferentes programas de actuación. 

Esta segunda feira, por outra parte, a Deputación de Ourense presentou a aplicación VouContigo co obxectivo, segundo explican nun comunicado, de “protexer a posíbeis vítimas de agresións machistas”. A ferramenta inclúe un "botón do pánico" que, ao ser pulsado pola usuaria, advirte da existencia dunha situación de perigo aos contactos que previamente determinase.

Para empregalo, as interesadas só teñen que introducir un número de teléfono e un correo electrónico para darse de alta no servizo. Despois poderán crear listaxes de difusión para designar os contactos que serán informados dos seus movementos e de posíbeis situacións críticas. O "botón do pánico" está presente en todas as pantallas e actívase con só premer nel durante polo menos tres segundos. Ao instante, todos os contactos designados recibirán unha mensaxe alertando de que algo acontece, coa localización desa persoa. 

Aplicacións xerais, locais e para a mocidade

Na comarca de Tabeirós-Terra de Montes, o Centro de Información á Muller da Estrada (CIM) presentou en setembro deste ano unha aplicación móbil para promover a igualdade e previr a violencia machista entre a mocidade denominada Benquéro(Me)

Coa mesma idea, activouse en 2021 en Arteixo, ConSentimento, unha App con información e recursos ao redor da violencia machista dirixida principalmente á xuventude do municipio.

O seu obxectivo é a abordaxe e a detección de indicadores de abuso nas relacións de parella, dos mitos do amor romántico e da importancia de manter relacións igualitarias e libres de machismo. A aplicación permite  analizar as relacións de parella e tirar as oportunas conclusións. 

Unha das aplicacións máis veteranas no país é EscApp, creada en decembro de 2015 polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática da Galiza (Cpeig) para a Secretaría Xeral xeral da Igualdade. A App facilita identificar os primeiros sinais de maltrato, que facer nese caso, pautas de seguridade, informar dos recursos próximos á vítima activando a xeolocalización e a posibilidade de chamada ao teléfono de emerxencia contra a violencia machista, o 016.