A Galiza atópase á cola do Estado en investimento no servizo de dependencia

A atención á dependencia só cubre a 8% da poboación galega fronte a 9,7% no Estado. (Foto:Europa Press).

A Xunta da Galiza atópase á cola dos Executivos do Estado en investimento en dependencia. A maiores o gasto público neste servizo continúa diminuíndo ano tras ano desde 2009.  A asociación estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais suspende una ano máis a xestión na materia do Goberno galego.

Galiza atópase á cola do Estado en investimento público en dependencia. Segundo os datos que vén de facer públicos na xornada desta terza feira a asociación estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais, o conxunto dos Gobernos autonómicos destinaron en 2021 de media ao financiamento deste servizo 79,1% do seu custo total, porén a Xunta só dedicou 67%. Así as cousas, o Goberno galego colocouse de fecha cancelas, nunha clasificación que liderou Euskadi cunha achega de 88%, seguido de País Valencià con 85% e Nafarroa con 84%.

Gasto por baixo da media do Estado

O gasto medio anual por persoa beneficiaria  dunha axuda de dependencia situouse na Galiza no pasado exercicio en 6.758 euros. Os números do país só ficaron por riba de Castela e León con 6.599 euros e de Andalucía con 6.653 euros, colocándose máis unha vez por baixo da media estatal que marcou un investimento de 8.196 euros. Neste sentido, Euskadi con 12.932 euros, Estremadura con 11.814 euros e Nafarroa con 10.541 euros rexistraron os mellores datos, na liña das cifras da anualidade de 2020.

A situación é aínda peor tomando como referencia o gasto por persoa potencialmente dependente. Este indicador analiza o investimento público previsto para o conxunto de persoas que reciben a prestación e para aquelas peticionarias da mesma incorporadas nas listas a falta de avaliar i seu estado. Neste caso, a achega da Xunta da Galiza en 2021 foi de 595 euros de media por persoa, unha contribución só maior á de Canarias con 543 euros e moi lonxe da media estatal situada en 1.173,14 euros. Máis unha vez, Euskadi Estremadura e Nafarroa presentaron as mellores cifras.

Recortes no investimento público

A Xunta da Galiza volveu a reducir nas súas contas de 2021 o diñeiro destinado a dependencia. A este respecto, o informe asociación estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais sinala que o investimento caeu en 7,23% en relación coa anualidade anterior, só ficando por baixo da Galiza, Canarias con 24,5%, Castela e León con 7,54% e A Rioxa con 7,34%. Nunha porcentaxe semellante, minguou o gasto medio anual por persoa beneficiaria  dunha axuda de dependencia cunha caída respecto a 2020 de 7,09%.

Os retallos en materia de benestar marcaron a acción do Goberno galego desde 2009. Así, o informe de 2020 da asociación estatal de Directores e Xerentes en Servizos Sociais recolle que “o investimento en servizos sociais en 2009 supera os 724 millóns para caer en 2020 a 715”, malia que o PIB galego en termos correntes de 2020 é claramente superior a 2009 os recursos destinados a políticas sociais son inferiores.

410 días de espera para a valoración

O limitado investimento público da Xunta da Galiza ten o seu impacto na calidade e na xestión dos servizos de dependencia. Así, por exemplo, o Observatorio Estatal para a Dependencia  sinala que a  31 de decembro de 2021, na Galiza existían 8.728 casos pendentes de resolución e 410 expedientes á espera de valoración, cun tempo medio de agarda de 342 días para resolver unha solicitude de dependencia. Nesta cuestión obsérvase tamén unha importante fenda coa media estatal, significando en marzo de 2022 a asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais que a “porcentaxe de persoas beneficiarias do sistema de atención á dependencia, sobre o total da poboación potencialmente dependente” é de 8% na Galiza fronte a 9,7% do conxunto do Estado.

Mortes

O Observatorio Estatal para a Dependencia, elaborado polo asociación estatal de Directores e Xerentes en Servizos Sociais, non seu ditame de abril de 2022, recolle que en 2021 faleceron 470 persoas na Galiza estando na lista de espera de dependencia, sen ser atendidas. 395 das mesmas viran recoñecido o seu dereito a recibir unha prestación porén non viran efectuados os primeiros pagos das axudas. As outras 75 estaban a agardar pola resolución de grao.