A Galiza, á cabeza en mortalidade atribuíbel ao consumo de alcol

Dúas mozas, bebendo na praia. (Foto: Europa Press).
O único territorio cunha taxa superior é Asturias.

O Observatorio Español das Drogas e as Adiccións publicou , a través do Ministerio de Sanidade, a Monografía de Alcol de 2024, un documento que inclúe información das edicións máis recentes das enquisas estatais promovidas pola Delegación de Goberno do Plan Nacional Sobre Drogas (Dgpnsd), como é o caso da Enquisa sobre Alcol e outras Drogas en España (Idades).

Estes datos revelan que o consumo de alcol está amplamente estendido en persoas mozas e adultas, pois 93,2% delas declara consumir bebidas alcohólicas algunha vez na vida; 76,4% algunha vez no último ano; e 64,5% no último mes.

Respecto aos factores sociodemográficos, na poboación xeral de 15 a 64 anos o consumo de alcol é máis frecuente nos homes que nas mulleres, descendendo a partir dos 25 até os 34 anos e aumentando co nivel educativo. Pola contra, o consumo diario é máis frecuente segundo sube a idade.

Por territorios, e seguindo a escala Audit, unha ferramenta da Organización Mundial da Saúde (OMS), 6% do total da poboación estatal podería ter un consumo de risco, situación que pode derivar no que se dá en chamar "estimacións de mortalidade atribuíbel ao alcol (MAA), onde a Galiza rexistra a segunda taxa máis elevada (40 por cada 100.000), rexistro só superado por Asturias (42,1).

Ademais, as cifras reveladas polo observatorio tamén evidencian o problema do consumo de alcol nas menores de idade. En concreto, no referente ao 'consumo de bebidas alcohólicas entre os e as estudantes de ensinanzas secundarias (dos 14 aos 18 anos)', 58% das crianzas galegas afirman ter bebido alcol nos últimos 30 días, dato que supera a media estatal (56,1%). O mesmo acontece nas que beberon nos últimos 12 meses (77,2% na Galiza por 73,6% no Estado).