Galiza carece, a diferencia doutros territorios, de orzamento específico para combater a ‘Velutina’

Vespa velutina

A inexistencia de partidas comprometidas a este fin dificulta a aplicación de programas e medidas contra esta especie exótica invasora que nestes 5 anos colonizou 70% do territorio galego. Outras comunidades afectadas por este problema, como Asturies e Cantabria, si que teñen orzamentos específicos.

O goberno galego non dispuxo un orzamento específico para combater un dos problemas máis importantes aos que fai fronte o agro galego, a vespa velutina, unha especie exótica invasora que nestes 5 anos colonizou 70% do territorio de Galiza. Outros territorios afectados por esta mesma problemática, como Asturies e Cantabria, si que teñen orzamentos destinados a tal fin.

 

Asturies dedicará medio millón de euros a loitar contra a velutina e Cantabria destinará 24 millóns de euros para xestión do plumero e máis da Vespa velutina nos vindeiros dez anos, sendo a partida prevista para 2018 de 300.000 euros.

 

“A inexistencia dun orzamento específico fai imposible a aplicación das ferramentas de xestión contra a Vespa velutina e que a propia Xunta ten plasmadas nos seus documentos de xestión ("Protocolo de xestión fronte a avespa asiática" Xullo 2016). Sen diñeiro non se pode loitar contra a invasión”, argumentan desde a plataforma Stop Velutina-Galiza..

 

Iniciativa parlamentar

 

Stop Velutina rexistrou esta semana unha iniciativa no Parlamento de Galiza para que na Cámara se dea un debate sobre este problema, para alén de que se inste o goberno a adoptar as medidas necesarias. A plataforma estivo apoiada por representantes dos grupos de oposición.

 

Unha das reivindicacións principáis das PNL presentadas é a realización, por parte da Xunta, dun trampeo masivo de primavera que permita capturar futuras raíñas fundadoras e evitar así a aparición dos enormes niños secundarios no verán. Xunto ó trampeo, a Plataforma esixe á Xunta o asino de convenios de colaboración coas universidades galegas a fin de continuar coa investigación. Igualmente, solicitan ao goberno galego que deseñe e convoque un sistema de axudas directas que permita facer fronte ós gastos que ocasiona esta especie nas colmeas e frutais.