Galiza chega ao ecuador da semana con 128 novos contaxios de Covid e un descenso de ingresados

Probas PCR
A taxa de positividade repunta ao 3,4% no conxunto da Comunidade galega e os casos activos baixan a 2.744.

Galiza chega ao ecuador desta semana cun lixeiro aumento dos novos contaxios de Covid-19 a 128 -doce máis que a xornada anterior- e un alivio na presión hospitalaria cun descenso a 162 dos ingresados -14 menos-, mentres que os casos activos reducíronse a 2.744.

Segundo os datos actualizados na mañá desta cuarta feira pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18 horas deste martes, aínda que aumentaron a 38 os pacientes Covid en UCI en Galicia -un máis- se reduciron a 124 os que permanecen noutras unidades -15 menos-.

Por áreas sanitarias a presión hospitalaria redúcese en seis das sete, xa que unicamente increméntase lixeiramente na de Lugo, onde hai un paciente en UCI -un menos- e nove noutras unidades -dous máis-.

Os casos activos de Covid volveron descender tras o lixeiro incremento da xornada anterior despois de cinco consecutivas en descenso e sitúanse en 2.744, que implican 61 menos, ao haber máis altas (185) que contaxios (128), aos que se engaden catro falecementos.

Por áreas sanitarias as infeccións activas deste coronavirus redúcense en seis: Vigo (-26), Pontevedra e O Salnés (-21), Lugo (-10), A Coruña e Cee (-7), Ferrol (-3) e Ourense (-2), mentres que aumentan na de Santiago e Barbanza (+8).

En canto aos novos contaxios de Covid-19 incrementáronse de novo até os 128 , tras iniciar esta semana con 107 e rexistrar 116 esta terza feira, o que supón unha ducia de infeccións máis.

Do total, 108 foron positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas -tres máis que a xornada anterior- dos que 29 corresponden á área da Coruña e Cee; 28, á de Santiago e Barbanza; 19, á de Vigo; 11, á de Lugo; 10, á de Ourense; nove á de Pontevedra e O Salnés; e dous, á de Ferrol.

Pola súa banda, a taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizados- repuntou a un 3,4% n, após se manter por baixo do 2% desde o inicio da semana. No entanto, continúa por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia. A última vez que Galiza excedeu esta barreira foi o 15 de febreiro.

As persoas falecidas diagnosticadas de Covid-19 ascenden a 2.409 despois de notificar esta terza feira a Consellería de Sanidade a morte de catro persoas.