Galiza chega ao final de novembro con 5.422 casos activos de Covid após 494 novos contaxios rexistrados

Unha moza recibe a primeira dose da vacina e sométese a unha PCR en Ourense. Imaxe de arquivo (Foto: Xunta da Galiza).
Os pacientes hospitalizados aumentan a 155.

Galiza chega ao final deste mes de novembro con 5.422 casos activos de Covid-19 tras inicialo con 524; despois doutros 494 novos contaxios rexistrados --9 máis que a xornada pasada-, e con 155 pacientes hospitalizados por este coronavirus -15 máis quena segunda feira--. 

Segundo os datos publicados na mañá desta terza feira pola Consellaría de  Sanidade con rexistros at as 18 horas desta segunda, aumentan a 27 as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 en Galiza -unha máis- e a 128 as hospitalizadas noutras unidades -14 máis-, mentres que 5.267 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta en catro das sete: Vigo, Ourense, Lugo e Pontevedra e O Salnés; alíviase na da Coruña e Cee; e mantense nas de Santiago-Barbanza e Ferrol.

Os casos activos seguen en aumento e sitúanse en 5.422 ao final de novembro, tras comezar este mes con 524, e supoñen 366 máis que a xornada anterior despois de rexistrar máis contaxios (494) que altas (125) ao que se engaden tres falecementos. A terza feira anterior -día 23- había 2.871 infeccións activas.

As infeccións activas aumentan de novo nas sete áreas sanitarias galegas, coa de Ourense á cabeza (+109), seguida pola de Vigo (+94), Pontevedra e O Salnés (+71), A Coruña e Cee (+44), Santiago e Barbanza (+18), Lugo (+15) e Ferrol (+15).

Segundo os últimos datos actualizados polo Ministerio de Sanidade, Galiza conta cunha taxa a 14 días de 187,21 casos por 100.000 habitantes, mentres que a media do Estado está en 199,02.

Os novos contaxios de  Covid mantéñense por segunda xornada consecutiva por baixo dos 500  ao rexistrarse 494, que supoñen 79 máis que os 415 do inicio desta semana. A terza feira da semana pasada rexistráronse 237, mentres este mes de novembro empezou con 33 positivos.

En canto á taxa de positividade das probas  PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test-, sobe lixeiramente a un 6,53% tras comezar esta semana cun 6,33%. Por iso, mantense por encima do limiar do 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia increméntanse a 2.670, ao notificar esta segunda feira a Consellaría de Sanidade tres vítimas.