O investimento sanitario en mínimos

Galiza á cola do Estado en investimento en Atención Primaria

Mobilización en Compostela en 2019 en defensa da Atención Primaria. (Foto: Europa Press).
O investimento en Atención Primaria da Xunta da Galiza sitúase en 182, 3 euros por habitante. Mentres no conxunto do Estado o diñeiro destinado a sufragar os servizos sanitarios non hospitalarios e especializados representa o 14,2% do gasto total en saúde, na Galiza esa cifra colócase en 11,9%. Así as cousas, o Goberno galego só supera en esforzo inversor en Atención Primaria ao Executivo madrileño e o das Illes Balears, ficando moi lonxe dos territorios de cabeza como Estremadura ou Castela-A Mancha. Os déficits na calidade asistencial teñen unha explicación clara

A Estatística do Gasto Sanitario elaborada polo Ministerio de Sanidade en base á liquidación orzamentaria de 2018 ofrece unha foto fixa moi clara do compromiso inversor das administracións públicas en materia de saúde. A este respecto, a parte dedicada ao diñeiro destinado á Atención Primaria “recolle a actividade asistencial realizada por médicos de familia, pediatras, enfermeiras e demais persoal sanitario e non sanitario encamiñada a conseguir o mantemento e mellora da saúde no primeiro nivel de asistencia sanitaria, tanto en centros de saúde como en calquera tipo de consultorios urbanos ou rurais ou nas casas dos doentes”.

O Ministerio de Sanidade indica no seu informe que entende por gasto sanitario en Atención Primaria os servizos prestados cos medios propios nos centros non hospitalarios, a “administración de tratamentos, curas e cirurxía menor”, “os gastos das estruturas de xestión necesarias para o desenvolvemento da propia actividade asistencial” e “os gastos efectuados en actividades propias de Atención Primaria prestada con recursos patrimoniais alleos a aquela entidade que financia a asistencia (concertos). Tales concertos poden estar subscritos con profesionais, institucións ou empresas que sexan de titularidade pública ou privada”.

Galiza destina a Atención Primaria 182,3 euros por habitante. Segundo os dados fornecidos polo Ministerio de Sanidade, só inviste menos que Galiza, Madrid con 147,97 euros e as Illes Balears con 178,38 euros. Así, o gasto neste servizo do Goberno galego é 79,4 euros por habitante inferior ao de Estremadura, 73,3 euros por habitante inferior ao de Castela-A Mancha e 61, 6 euros por habitante inferior ao de Nafarroa. Ao tempo, outros territorios cunha poboación menos avellentada que a galega superan o investimento por habitante do país, chegando no caso de Andalucía a 220,74 euros por habitante ou no País Valenciá a 196,46 euros por habitante.

11,29% do gasto sanitario para Atención Primaria

Os orzamentos galegos de 2018 dedican 454,4 millóns de euros a Atención Primaria. A contía representa o 11,29% do diñeiro destinado nas contas públicas ao mantemento do servizo sanitario. A porcentaxe significa un investimento tres puntos inferior á medida estatal, situado en 14,2% e fica moi lonxe daqueles territorios cun gasto sanitario máis elevado. Sen ir máis lonxe, esta cifra en Andalucía acada o 17,45% do gasto sanitario total, en Castela- A Mancha o 16,96%, en Estremadura o 15,75% e en Castela e León o 15,25%. Só Madrid con 11,48%  do investimento sanitario total destinado a Atención Primaria e as Illes Balears con 11,90% presentan un gasto inferior ao galego.

O envellecemento da poboación agravan aínda máis a situación. Mentres o índice de envellecemento sitúase na Galiza en 202%, o cal representa 202 persoa maiores de 64 anos por cada 110 menores de 16, no Estado español representa o 125,79%, en Madrid o 110,85% e nas Illes Balears o 102,20%. A este respecto, a totalidade dos estudos certifican un aumento na demanda dos servizos da Atención Primaria en función do incremento da idade a poboación e establecen unha correspondencia clara entre unha e outra variábel.

Os investigadores da Universitat Pompeu Fabra, Jaume Puig-Junoy e Ruth Puig Peiró teñen sinalado para o conxunto do Estado español “ con respecto á relación existente entre as visitas ao médico e a idade dos individuos, hai dous colectivos que realizan un consumo de Atención Primaria 50% superior á media: por unha banda, a poboación de entre 0 e 4 anos e, doutra banda, as persoas de máis de 65 anos de idade. En calquera caso, comparado coas diferenzas detectados para a atención hospitalaria e farmacéutica, a relación entre idade e consumo de atención primaria resulta moi acusada”.

17,2 centros de Primaria por cada 100.000 habitantes

A realidade xeográfica da Galiza require dunha rede centros de Atención Primaria e un número de facultativos axeitado á dispersión territorial. A este respecto, Galiza dispón de 465 unidades para prestar o servizo, 398 centros de saúde e 67 consultorios, o que representa 17,2 centros de Primaria por cada 100.000 habitantes, unha porcentaxe cinco puntos por baixo da media estatal e menos do dobre que áreas como Cantabria ou Nafarroa.