Galiza está na cola do Estado en prazas de acollida para vítimas da violencia machista

Mural contra a violencia machista.
Hai sete prazas por cada 100 ordes de protección, a metade que a media estatal.

A Galiza, canda Andalucía, está á cola do Estado na ratio de prazas de acollida para mulleres vítimas da violencia machista. Por cada 100 mulleres maltratadas con orde de protección, na Galiza hai de media 6,7 prazas. A seguinte con peor porcentaxe, Andalucía, ten 7,6 prazas por cada 100, case 1 punto máis que a Galiza. Son datos que vén de publicar a Asociación estatal de directores e xerentes de Servizos Sociais (AEDX) no seu informe Servizos sociais: dereitos de papel sobre o desenvolvemento de prestacións e dereitos en 2022.

A ratio galega é case a metade da media no Estado, que se sitúa por riba de 13 prazas por cada 100 ordes de protección, e con territorios com o a veciña Asturias multiplicando case por 9 a proporción existente na Galiza.

As prazas de acollida fan de "muro de defensa ou protección" para as vítimas do machismo. Son espazos necesarios para aquelas mulleres que carecen de recursos e apoios sociais e familiares e que necesitan protección, seguridade e tratamento tanto elas como as súas fillas e fillos, até conseguir a normalización das súas vida. 

No conxunto do Estado, segundo os datos recollidos pola AEDX existen 3.328 destas prazas e hai 25.433 mulleres con orde resolta e adoptada de protección. Na Galiza son 1.267 as mulleres nesa situación e o número de prazas de acollida existentes non chega a 90.

Contexto de aumento da violencia machista

Durante o primeiro trimestre de ano solicitáronse perante os xulgados 495 ordes e medidas de protección de vítimas, (9,5 % máis que no mesmo período de 2022). Delas, foron acordadas 342 (69 %), segundo o Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPX).

Os xulgados galegos recibiron no primeiro trimestre do ano 1.747 denuncias por violencia machista, 3 % máis que no mesmo período de 2022, cando se presentaran un total de 1.695. A gran maioría (1.379) chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima, Ademais, entre xaneiro e marzo contabilizáronse 1.732 mulleres vítimas da violencia machista, o que tamén supón unha suba con respecto ao mesmo período do ano pasado, neste caso de 7,2 %.

Rede básica

O informe da asociación tamén analiza a situación dos servizos sociais nos diferentes territorios, onde a Galiza recibe unha cualificación "media-baixa", ocupando o posto noveno entre os 17 territorios en canto a "desenvolvemento do seu sistema público de servizos sociais". A AEDX indica que a Galiza mellora en determinados indicadores (prazas de centros de día para persoas maiores ou prazas de aloxamento para persoas sen fogar) mais segue por baixo da media estatal en cuestións como, por exemplo, a dotación de profesionais da súa rede básica de servizos sociais, cun profesional por cada 2.083 habitantes, sendo a media estatal un por cada 1.651 habitantes. Ou as Rendas Mínimas de Inserción, que na Galiza recíbeas 5,2% da súa poboación baixo o limiar da pobreza, mentres que a nivel estatal a media é de 7,7%, máis de 2 puntos superior.


Oferta baixo mínimos para persoas con discapacidade

Na Galiza hai 201.000 persoas maiores de 18 anos cun grao de discapacidade recoñecido igual ou maior a 33%. O informe elaborado pola Asociación estatal de directores e xerentes de Servizos Sociais incide en que o número de prazas dispoñíbeis nas residencias de maiores para este colectivo é inferior á media estatal: 1,4 por cada 100 na Galiza fronte a 1,8 no Estado.

En centros ocupacionais e centros de día a ratio é aínda peor: no país hai case 2 prazas por cada 100 persoas con discapacidade. No conxunto do Estado español, a media é de 3,15. Tamén hai 'tirón de orellas' da AEDX no que respecta a servizos como o de teleasistencia a persoas dependentes, pois na Galiza a súa cobertura atinxe apenas 3,2% (22.642 persoas de 702.630 maiores de 65 anos) mentres no Estado esa cobertura é de case 10%.