Galiza comezará a perder praias nos próximos dez anos

A praia de Riazor na Coruña é una das mais afectadas pola erosión. (Foto:Europa Press).

A costa galega está en perigo. As previsións da NASA sinalan que a suba do nivel do mar provocará a perda de praias nos vindeiros anos. Nesta liña, indican que para finais de século Vigo levará perdidos 40 metros de costa.

A organización ecoloxista Greenpeace deu a coñecer onte un informe onde alerta dos efectos do cambio climático na costa galega. Neste sentido, o documento apunta que “a erosión e a suba do nivel do mar representan graves ameazas para o litoral galego”. A este respecto, o coordinador da asociación na Galiza, Manoel Santos, apunta a Nós Diario que “a suba do nivel do mar como consecuencia do cambio climático resulta una evidencia científica”.

O Sexto Informe de Avaliación do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático das Nacións Unidas non deixa dúbidas da gravidade da situación. No mesmo prevese “un razoábel aumento do nivel do mar de 20 a 30 centímetros até o ano 2050 e de 50 a 70 cm no horizonte de 2100”. Así, de confirmarse estas estimacións, o mar terá devorado para finais de século 40 metros de costa na cidade de Vigo.

As previsións da NASA

As proxeccións da NASA, tampouco, son optimistas. Segundo recolle Greenpeace no seu informe, “a suba do nivel do mar, segundo as previsións da NASA, ocasionará a perda de praias na totalidade do litoral”.Nesta orientación, destaca que “segundo a regra de Bruun, estímase que de media, por cada centímetro que suba o nivel do mar, a costa retrocederá un metro”.

O horizonte de 2030

Greenpeace destaca que “para 2030 xa se esperan impactos moi graves nas costas de Vigo, A Coruña e Vilagarcía”. Ao tempo, desvela que “os tramos máis afectados por erosión e retroceso serán Foz, Viveiro, Ortigueira, Ferrol, Betanzos, A Coruña, Ponteceso, Carnota, a ría de Muros e Noia, a ría de Arousa, Pontevedra, Vigo e A Guarda”. As áreas referidas caracterízanse pola importante presión poboacional  e unha significada actividade económica.

A acción humana

A responsábel de Costas de Greenpeace no Estado español, María José Caballero, explica que “durante décadas deformamos a costa á vontade, pero iso xa non funciona máis. Xa non chegamos a anticiparnos ao problema porque xa está aquí, mais as solucións teñen que pórse en marcha con urxencia. Todo atraso comportará maiores custos económicos e humanos”. A este respecto, asegura que “a costa protéxenos dos eventos meteorolóxicos extremos e da suba do nivel do mar provocados polo cambio climático, mais seguimos a maltratala”

“A perda das características naturais da costa debe reverterse para que nos poida protexer”, afirma Manoel Santos, quen significa que “o retroceso e a perda das praias e, con elas, a súa función de barreira protectora, supón un risco para as persoas residentes no litoral”. Nesta orientación, advirte o coordinador de Greenpeace na Galiza dos “riscos por exceso de urbanización e infraestruturas, pola contaminación, pola construción de barreiras artificiais, como diques, espigóns, paseos marítimos ou portos deportivos, pola dilapidación de recursos naturais e a canalización, ou polo soterramento e os desvíos de leitos fluviais