A Galiza é a comunidade de todo o Estado que menos inviste en servizos públicos

Nivel de investimento de cada comunidade en benestar tomando a media estatal igual a 100. (Foto:Nós Diario).

O informe que vén de presentar Fedea, tomando como base os datos da liquidación dos orzamentos efectuada pola Intervención Xeral da Administración do Estado (IXAE) do Ministerio de Facenda, sitúa Galiza como a comunidade do Estado que menos inviste nos servizos públicos fundamentais.

O relatorio publicado pola Fundación de Estudos de Economía Aplicada (Fedea), o think tank de referencia das empresas do IBEX dirixido por un dos economistas de cabeceira do PP, Ángel de la Fuente, sitúa Galiza á cola do Estado en investimentos en servizos públicos fundamentais. Na mesma liña, o estudo destaca que o gasto da Xunta da Galiza en educación, sanidade e servizos sociais medrou por baixo da media estatal no período de 2015 a 2022, último ano con datos, incrementándose nesta etapa a fenda con outras comunidades.

O documento, elaborado polo director do Instituto de Finanzas de Cantabria, Manuel Díaz, e a analista da fundación, Carmen Marín, titulado O gasto en Sanidade, Educación e Protección Social nas comunidades autónomas (2015-2022), sinala que,  “en referencia ao nivel de gasto en Estado do benestar por habitante axustado, existe unha diferenza notábel no índice relativo por habitante axustado entre as diferentes comunidades autónomas. Lideran esta clasificación, cunha ampla diferenza, as rexións forais: Euskadi (125%) e Nafarroa (124%). Na cola deste índice están Galiza (92%) e Illes Balears (93%)”.

A fenda da Galiza con outras comunidades do Estado é significativa. Sendo 100 a media estatal empregada por Fedea no seus índice, os últimos postos son ocupados por Galiza con 92%, Illes Balears con 93% e Andalucía, Canarias e Madrid con 94%. Noutro extremo aparece Euskadi con 125%, Nafarroa con 124%, Cantabria con 109% e Catalunya con 106%. Precisamente, os dous territorios que non fan parte do denominado sistema de réxime común do financiamento e contan cun convenio ou concerto con Estado (Euskadi e Nafarroa) son aqueles que destinan máis fondos ao seus sistema de benestar.

As conclusións achegadas polo estudo de Fedea están en liña coas ofrecidas para o ano 2022 pola Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef). Neste caso, o organismo independente de control fiscal creado polo Goberno español a iniciativa da Comisión Europea apunta que Galiza inviste en benestar social por habitante ao ano 3.072 euros, 231 euros por baixo da media estatal. Porén, sitúa por detrás do país a Madrid, que destina a sanidade, a educación e a servizos sociais 3.025 euros por habitante ao ano.

Os datos fornecidos por Fedea e a Airef proceden da liquidación dos orzamentos efectuada pola Intervención Xeral da Administración do Estado (IXAE), órgano de control interno do sector público estatal e centro directivo e xestor da contabilidade pública, dependente do Ministerio de Facenda do Goberno español. O investimento en benestar social recollido na liquidación do IXAE contabiliza os fondos destinados pola Administración para financiar os diversos niveis de asistencia sanitaria, os distintos tramos da oferta educativa e a totalidade das prestación en materia de servizos sociais recollidos na lexislación.

A cuestión sanitaria

A sanidade, a educación e os servizos sociais da Galiza son dos peores financiados do Estado. Segundo se deriva da liquidación do IXAE, en 2022, o investimento sanitario anual por habitante na Galiza fechou en 1.727 euros, 43 euros por baixo da media estatal, estando até 2019 por encima desa variábel. O gasto educativo ficou en 1.043 euros, unha contía menor en 57 euros á media do Estado; e o investimento en servizos sociais quedou en 300 euros, unha cifra 78 euros inferior ao conxunto estatal.

O informe de Fedea desvela que o investimento en servizos públicos fundamentais medrou na Galiza por baixo da media do Estado entre 2015 e 2022. Así, o gasto total en sanidade, educación e servizos sociais incrementouse en termos reais no conxunto do Estado en 14,8%, ficando a suba na Galiza en 7,7%. A este respecto, o estudo de Díaz e Marín destaca que “todas as comunidades aumentaron o seu gasto total en termos reais, destacando os aumentos de Canarias (31,2%), Nafarroa (25,5%) e País Valencià (21,3%)”.

A tendencia repítese na esfera sanitaria. Neste caso, o investimento subiu na Galiza entre 2015 e 2022 en 12,3%, 8,8 puntos menos por baixo do conxunto estatal, onde destacou a alza dos orzamentos de Canarias, cunha suba de 29,5%, e de Catalunya, cun medre de 28,8%. Nesta dirección, a Airef documentou que a Galiza é a terceira comunidade que menos fondos destinou para a saúde en 2022, ficando só por debaixo Andalucía e Madrid, con 1.555 euros por persoa e ano a primeira e 1.770 a segunda.

O investimento educativo

A situación repítese na área educativa. Segundo sinalan Díaz e Marín no seu estudo, “o conxunto de comunidades presenta un aumento do gasto en educación de 12,6% medido a prezos constantes. Destacan os aumentos rexistrados en Nafarroa (26,2%) e Canarias (19,0%). No lado contrario, as comunidades con aumentos máis modestos son Castela e León (4,4%), Galiza e Asturias (4,8%)”. Así, o investimento educativo medrou no pais 7,8 puntos por baixo da media do Estado, alcanzando en 2022 1.043 euros por persoa e ano, unha contía inferior en 57 euros ao conxunto estatal.

O investimento en servizos sociais subiu 37,4% entre 2015 e 2022. A alza supera a media do Estado en 16,2 puntos, favorecido por un incremento das transferencias ligadas á dependencia.

A Xunta reduciu o gasto en sanidade e educación nos seus orzamentos

O estudo elaborado para Fedea por Manuel Díaz e Carmen Marín certifica, tras analizar a liquidación dos orzamentos efectuada pola Intervención Xeral da Administración do Estado (IXAE) do Ministerio de Facenda para o período de 2015 a 2022, que a Galiza é a comunidade do Estado que menos fondos destina ao financiamento de servizos públicos fundamentais (aqueles que reciben esa consideración no artigo 158.1 da Constitución son a sanidade, a educación e os servizos sociais).

Os orzamentos galegos de 2024 rexistran unha caída do investimento público en sanidade e educación. Nesta liña, o gasto sanitario marca unha rebaixa nas contas públicas desa anualidade. Segundo se recolle na Lei de Orzamentos de 2024 da Xunta da Galiza, o investimento en sanidade fica en 5.165 millóns de euros, o que significa unha caída en relación a 2023, unha vez descontada a inflación, de 70,4 millóns de euros. A maiores, os fondos da Consellaría de Sanidade seguen 71 millóns de euros por baixo das contas públicas de 2009, as últimas aprobadas polo Goberno de coalición na Xunta da Galiza entre o o PSdeG e o BNG.

A situación non é mellor a nivel educativo. Se na anualidade de 2023 a Consellaría de Cultura e Educación contaba cun presuposto de 2.795 millóns, nas contas públicas do actual exercicio dispón dun total de 2.858. Unha vez descontada a suba da inflación, a partida sofre unha caída de 150 millóns, confirmando a tendencia á baixa que arrancou en 2010, co primeiro orzamento de Alberto Núñez Feixoo