Galiza despide agosto cunha superficie forestal queimada equivalente a 310 campos de fútbol

Bombeiros da brigada forestal de Laza actúan fronte ao incendio forestal declarado na parroquia de Pentes, A Gudiña (Viana). (Foto: @BrifLaza).

O mes de maior incidencia de 2024 foi abril, fóra do período estival e con perto de 450 hectáreas queimadas

Galiza despide o mes de agosto con máis de 230 hectáreas de monte afectadas por incendios forestais, unha cifra moi superior á rexistrada durante o resto do verán e que equivale a perto de 310 campos de fútbol. E é que, en base aos datos publicados pola Consellaría do Medio Rural nas súas redes sociais, durante xuño e xullo apenas se notificaron incendios e os rexistrados foron, ademais, de pequena extensión.

Agosto, con todo, elevou a media con cinco lumes de envergadura. O máis grande foi o rexistrado o 23 de agosto na Gudiña (comarca de Viana), extinguido dous días despois tras calcinar máis de 75 hectáreas. O alcalde da localidade, Néstor Ogando, mostrábase confiado no rápido control do lume por parte dos medios desprazados.

Sinalaba que a primeira zona en acoutarse foi a lateral e insistía na boa evolución do dispositivo de extinción. Con todo, o tráfico entre os quilómetros 138 e 139 permaneceu cortado varias horas pola súa proximidade ao incendio.

O incendio que afectou o 20 de agosto a San Cristovo de Cea queimou case 60 hectáreas (58 ha, concretamente). O alcalde, José Luis Valadares, mostrábase tranquilo, dado que a situación estaba "relativamente controlada". Ademais, non chegou a presentar perigo para a veciñanza, xa que os núcleos de poboación atopábanse "bastante afastados" do fogo.

Ademais dos medios despregados pola Consellaría do Medio Rural, nos labores de extinción participou unha dotación de bombeiros de Estonia, en formación e para os que este era o seu primeiro incendio.

Unha semana máis tarde, este mesmo municipio volveu ser vítima do lume, esta vez cun incendio que afectou unhas 30 hectáreas. A Xunta da Galiza confirmaba que o lume era unha reprodución do que se rexistrara sete días antes.

A localidade de Ponteareas (O Condado) tamén se viu afectada polos incendios forestais. Concretamente, o 16 de agosto rexistrouse un foco na parroquia de Paredes, ao redor das 18.55 horas que afectou 40,72 ha segundo as estimacións da Consellaría do Medio Rural.

Posíbel intencionalidade en San Cibrao das Viñas

Aínda que cunha afectación moito menor que os outros lumes, un incendio destacou este agosto pola súa natureza, con tres focos distintos, en San Cibrao das Viñas (comarca de Ourense), perto da A-52.

Segundo explicaba a alcaldesa da localidade, Marta Novoa, o 22 de agosto rexistráronse dous focos ao redor das 18.30 horas, no lugar de Barreiros, perto das obras do AVE e nunha zona de naves industriais, e en Outeiro Calvo. Precisamente, pouco tempo despois e próximo a este último punto, orixinouse un terceiro foco.

Unhas seis hectáreas acabaron véndose afectadas e, visto o nacemento do lume, a propia alcaldesa deslizaba a idea dunha posíbel intencionalidade.

Case 450 hectáreas en abril

Aínda que agosto supera en hectáreas arrasadas polo lume en comparación ao resto do verán, continúa lonxe dos datos do mes de abril, no que se viron afectadas por incendios forestais case 450 hectáreas.

Entre os lumes notificados, destacan o do concello de Rois (O Sar), orixinado na parroquia de Leroño e que afectou unhas 124 hectáreas, e o rexistrado en Crecente (A Paradanta), que naceu na parroquia de Angudes e afectou unhas 170 hectáreas, sendo un dos máis importantes do ano na Galiza.

O de maior extensión foi o que afectou en febreiro o municipio de Trabada (A Mariña) e que queimou unhas 190 hectáreas.